A música de Belém Tajes, a revolución galega de 1846 e a pintura de Arturo Souto, en 'Sermos Galiza'

Detalles da capa do 'Sermos Galiza' deste sábado, 12 de abril.

Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 12 de abril, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques.

Sabíase que existía, pero non había ningún exemplar que o probase. La Revolución foi o órgano da Xunta Superior Provisional de Goberno da Galiza durante a Revolución galega de 1846. Consérvanse exemplares dos dous primeiros números, pero do terceiro —e derradeiro— non existían máis que referencias indirectas. Agora, o escritor e sociolingüísta Celso Álvarez Cáccamo vén de atopar casualmente, entre os papeis de seu pai, —o escritor, ensaísta, arqueólogo, investigador e editor Xose María Álvarez Blázquez—, o único exemplar coñecido do terceiro numero daquela publicación. Aínda que máis que de achádego temos que falar de redescuberta.

Manuel Xestoso relata, nunha reportaxe titulada “Revolución galega, o inicio da loita pola emancipación”, este “fito importante da Historia da Galiza” que significa ter completa a colección do voceiro do Goberno galego de 1846.

A música e o mar

Sermos tamén nos achega a Amar o mar, o primeiro disco de Belém Tajes. Nunha entrevista de Inés Pena, a cantante, compositora e especialista en musicoterapia debulla o que significou para ela publicar este traballo, así como a súa perspectiva como “artista minoritaria e periférica”.

“Cando fixen este disco e entendín que o mar era tan importante para min e que formaba parte tamén de todo o meu universo musical, comprendín que tamén tiña que buscar a forma de devolverlle ao océano todas esas cousas que a min me dera. Por esta razón quíxenlle facer unha homenaxe e afondei tanto en buscar un envoltorio para o disco que fora sostíbel co mar e que tivera o menos plástico posíbel e, de habelo, que fora reciclado e que se puidera reciclar. O que fixen con este disco foi un compromiso”, explica.

Unha obra esquecida

Co gallo do descubrimento dunha obra inédita do pintor pontevedrés Arturo Souto nunha casa de poxas de París, Daniel Pérez Murado rescata a historia dun artista sen o cal non sería posíbel comprender a evolución da cultura visual na Galiza.

“Desempeñou un papel capital na renovación da arte galega antes da Guerra Civil, primeiro como parte do movemento dos Renovadores –xunto con Carlos Maside, Luis Seoane, Manuel Colmeiro, Manuel Torres, Laxeiro, Eiroa e Fernández Mazas– e, máis tarde, dentro do ámbito cultural do exilio en América, estabelecéndose en México, onde residiu até o seu falecemento”, relata Pérez Murado.

Libros, música e cinema

Como cada semana o Sermos déixanos unha manchea de títulos para renovar lecturas. Entre os elixidos, Trece maneiras de mirar un almanaque de X. L. Mosquera, a escolla de Teresa Seara para a súa análise. E ademáis deste, outro libro ao que volver ou ao que achegarse por primeira vez. Anxo González Guerra lembra Manuel María a través da lectura de Os soños na gaiola, editada pola Casa-Museo Manuel María.

Lois Agrelo e David Regueiro asinan as páxinas de música e facilitan o encontro do público lector do Sermos Galiza co rock psicodélico e co jazz, respectivamente. Regueiro descóbrenos esta semana un disco histórico: o Kind of Blue do mítico Miles Davies, co que senta as bases do jazz modal e muda o paradigma do jazz para sempre.

Agrelo lévanos á psicodelia en estado puro a través da recensión de Is it in you? de Puma Pumku, como volver á década dos 2010.

Andrés Castro convídanos a visionar Anora, de Sean Baker, un todoterreo do audiovisual e unha das voces máis orixinais do outside Hollywood que logra, ademais, o récord de ser o primeiro cineasta en gañar Oscar a Mellor Filme, Dirección, Guión e Montaxe. E porque non hai categoría en Dirección de Casting, senón seguro que gañaba tamén. “Que non cha conten!”, di Castro.

Aves e roteiros

Xa nas páxinas finais, unha nova entrega de 'Ir ás aves' e un convite a camiñar o país. Ramsés Pérez anímanos a coñecer as cegoñas, unha ave goza da simpatía humana: aliméntase de animais daqueles que eran considerados pezoñentos, sendo polo tanto unha criatura que libera do mal segundo a crenza popular. E asemade, a súa silueta de amplo voo chega anunciando a primavera, o regreso da vida. 

Pola súa parte, o Colectivo Xea achégannos nunha nova entrega de “Andar e ver” á contorna do río da Cenza, no Macizo Central. Unha ruta de interese paisaxístico, xeolóxico e ambiental que nos permite achegarnos a coñecer unha das fervenzas máis altas da Galiza

Por suposto, a entrega do Sermos desta fin de semana fecha con dúas páxinas de pasatempo, asinados, coma sempre por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 12 de abril, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,40 euros!