Os museos “liberan libros” polo Día Internacional

Atlas na cima da Fundación Granell

O Museo Fundación Eugenio Granell, o CGAC, o Marco, o de Peregrinacións ou o de Belas Artes da Coruña son algúns dos centros de arte que participan nunha acción internacional de bookcrossing no Día Internacional do Libro. 

Os centros de artes participarán nas actividades programadas para o Día do Libro liberando volumes repetidos das súas coleccións, etiquetados e con instrucións para partillar no bookrossing que ten como obxectivo compartir a lectura e non que quen os atope quede con eles en propiedade.  Os centros galegos partillan a actividade con outros do Estado e solicitan que as persoas que participen na actividade indiquen a través da páxina web www.bookcrossing-spain.com o lugar onde atoparon e onde deixarán os distintos volumes. 

“O obxectivo desta iniciativa é sumar ás bibliotecas dos museos ó esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais”, sinalan desde a Fundación Granell, unha das que participarán no evento que conta co apoio de 48 museos e centros de arte en todo o estado e que contan “liberar” máis de 2.500 volumes. O Marco de Vigo, por exemplo, soltará 80 catálogos en distintos puntos da cidade. O bookcrossing coñécese como o “club de libros global” que responde a tres erres en inglés, read, register e release, é dicir, le, rexistra e libera.