O Museo de Pontevedra rehabilita os edificios históricos
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou na cuarta feira que o Museo de Pontevedra procederá á rehabilitación dos edificios históricos de García Flórez e Castro Monteagudo, e o adiamento da conexión subterránea dos inmóbeis da praza da Leña co edificio Fernández López.
O deputado explicou que o “reenfoque” dos proxectos en marcha se debe á compra do convento de Santa Clara por parte de Concello de Pontevedra, coa intención de cederllo ao Museo de Pontevedra.
Mais Mosquera engadiu que a reformulación se ve afectada pola falta de “implicación” económica por parte da Xunta e mais do Estado español, que limita as posibilidades de investimento.
“Non temos ningunha garantía de que haxa colaboración doutras Administracións”, engadiu. Sobre o proxecto, recoñeceu que "seguro que é caro porque é unha rehabilitación complexísima".
O consello asesor do Museo de Pontevedra considera “estratéxico” que Santa Clara pase a formar parte da institución, co que se engaden aos seus edificios 5.427 metros cadrados de superficie.
“Abre unhas posibilidades enormes”, mencionou Mosquera, que agregou que a reforma proxectada nos edificios históricos suma arredor de 2.000 metros no conxunto dos tres inmóbeis.
O proxecto de rehabilitación traballarase por fases nos antigos edificios, comezando coa “urxente” recuperación dos inmóbeis de García Flórez e de Castro Monteagudo, á vez que se proxecta a construción dos sotos.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra adiantou que o Castro Monteagudo se acondicionará como espazo didáctico, mentres o García Flórez, "en principio, manterase en reserva para algunha exposición puntual".