Certame literario "Un verán con Castelao"

"O mundo secreto de Castelao", por Iago Neira López

Estaba tirado na cama, morto de aburrimento. A miña avoa deume un libro moi antigo. (Foto: VladyslavS)
IES de Melide.

Tiña sete anos e estaba tirado na cama, na casa da miña avoa, morto de aburrimento. Fóra estaba chovendo así que non podía saír, entón a miña avoa veu ao meu cuarto e díxome:

—Mira, aquí tes un libro moi antigo que ninguén leu ,xa que non ten título, pero ten uns debuxos moi bonitos. Queres velo?

Collín o libro con coidado, soprei nel para quitar o po e vin que a tapa era azul e tiña unha estrela debuxada. Abrino amodo e vin que estaba cheo de debuxos feitos a man: barcos, árbores, xente traballando no campo. Empecei a pasar as páxinas con moito coidado.

Nunha das páxinas vin un debuxo dun home cunhas gafas redondas, unha boina e un caderno na man. Parecía que me miraba, e sentín que quería dicirme algo.

—¿Quen podería ser este señor? —pregunteime.

Pechei os ollos un intre, e cando os abrín, estaba outra vez na casa da miña avoa. O libro estaba pechado nas miñas mans

Mentres miraba o debuxo, pasou algo estraño. O libro comezou a brillar e todo arredor miña comezou a xirar. Pechei os ollos para non marearme, e cando os abrín xa non estaba na casa da miña avoa.

Atopeime nun lugar estraño, pero fermoso. Todo estaba feito de papel e pintado de cores. O chan parecía un mapa xigante, e as árbores tiñan follas feitas como de papel dobrado. Había debuxos por todas partes, e todo movíase coma se estivese vivo.

—Ola! —chamoume unha voz doce dende detrás dun carballo de papel.

Vireime amodo e quedei coa boca aberta. Alí, entre os troncos debuxados e os camiños de tinta, estaba o mesmo home do debuxo que vira no libro. Tiña lentes redondas, unha boina colocada coa elegancia dos vellos tempos, e levaba un caderno baixo o brazo. Era Castelao, si, o mesmo que saía nos debuxos daquelas páxinas antigas.

—Onde estou? —pregunteille, aínda tentando entender se soñaba ou se aquilo era real.

—Estás na terra das lembranzas de Galicia —respondeu con voz pausada e tranquila—. Aquí viven as historias, as cancións e as palabras que fan que Galicia sexa única. Cada recuncho deste mundo foi creado pola memoria do noso pobo.

Mirei ao meu redor. As árbores eran coma libros abertos, as follas escritas con poemas e cancións. O ceo era un lenzo cheo de estrelas de tinta azul. Todo se movía amodo, como se o tempo alí camiñase a outro ritmo.

—E que fago eu aquí? —preguntei, co corazón latexando forte.

Castelao achegouse e púxome na man un caderno con todas as follas brancas, e un lapis dourado que parecía novo pero tamén moi antigo ao mesmo tempo.

—Quero que me axudes a coidar este lugar —dixo mirándome con agarimo—. Hai algunhas historias que están comezando a esquecerse, e sen elas, a xente podería perder o que fai que Galicia sexa especial. Cada vez que alguén esquece unha palabra fermosa ou unha cantiga vella, unha árbore aquí perde unha folla.

Acariciei o caderno e abrino por unha páxina en branco.

—Cando escribes ou debuxas algo importante sobre Galicia, —explicou el— esas lembranzas fanse máis fortes e non desaparecen. Podo confiar en ti?

—Claro que si! —respondín, decidido.

Comezamos a camiñar xuntos por aquel bosque onde as árbores tiñan versos en galego e as pedras murmuraban contos. Todo tiña unha maxia que non se vía pero sentíase: no vento, no chan que cruxía, no silencio cheo de significado.

—Proba a debuxar algo —propúxome.

Así que collín o lapis e debuxei unha gaita. De inmediato, escoitouse unha melodía suave que flotaba no aire, como un vento que bailaba entre as follas. Logo escribín a palabra “terra” con moito coidado, e diante de nós creceron flores de cor azul e branca, coma as da bandeira galega.

Castelao asentiu, sorrindo.

—Ves? Cada cousa que fas revive un anaco da nosa identidade. E iso é o máis valioso que temos.

Paseamos durante un bo anaco, falando e descubrindo recordos. Cada palabra que aprendía quedaba gardada no bosque: "morriña", "fogar", "lareira", "palleira". Coñecín vellos que contaban contos á beira dun lume de papel, nenos xogando cos seus peóns e señoras fiando mentres cantaban cantigas que nunca antes escoitara.

Pero non todo era perfecto.

De súpeto, unha sombra escura comezou a cubrir o bosque. As árbores tremían e algunhas follas caían, esvaecéndose no chan coma po. Era o esquecemento, unha nube negra que quería borrar as lembranzas, as palabras, todo.

—Rápido! Usa o caderno que che din! —berrou Castelao.

Sentei nunha pedra e empecei a debuxar: un hórreo, unha muller co pano na cabeza, unha festa cunha banda de gaitas. Escribín palabras coma “lingua”, “aldea”, “memoria”, “Galiza”. Cada palabra brillaba e facía que a sombra se fose desvanecendo.

O bosque comezou a rexurdir. As cores volveron, as follas regresaron as árbores, e mesmo o aire parecía máis limpo.

—Estás a facelo moi ben —dixo Castelao, con orgullo nos ollos—. Así, as historias vivirán para sempre.

Cando todo volveu ser luz e maxia, sentín que era hora de marchar. Algo dentro miña díxome que tiña que volver, que isto non podía durar para sempre.

Pechei os ollos un intre, e cando os abrín, estaba outra vez na casa da miña avoa. O libro estaba pechado nas miñas mans, e a choiva seguía petando nos cristais da ventá.

E xusto debaixo, unhas palabras escritas con letra redonda e fermosa: "Nunca esquezas de onde vés.".

Sorrín, pechei o libro con coidado, e souben que, pase o que pase, Galicia vivirá sempre dentro de min...