Encontro a sexta feira 16 de novembro

O mundo da cultura de Vigo organízase contra o “malestar xeral” do sector

Pancarta despregada no Marco de Vigo en protesta pola súa deriva. Foto: cedida.

“Vimos decatándonos dun malestar xeral no ámbito cultural da cidade Vigo. Queremos abordar esta situación nun encontro”. Que será esta sexta feira 16 de novembro, organizado pola Agrupación Amig@s do Marco, o Ateneno Atlántico, Acolectiva, Caín e o Instituto Galego de Praxe Actual.
 

“Cremos necesario pór en común a realidade cultural da nosa cidade”, insisten as promotoras nunha nota remitida aos medios de comuncación, “é un encontro aberto a todos os cidadáns para estabelcer lazos entre veciños da cidade, asociacións e colectivos sociais”.

 

A iniciativa reunirase a partir das 17.30 horas no salón de actos do Politécnico da cidade. Comezará cunha mesa redonda moderada polo xornalista Fernando González, Gonzo, e na que participarán tres relatoras arredor de tres bloques: a avogada Ania González -sobre equipamentos e xestión cultural-; o arquitecto Iago Valverde e o historiador Uxío Reinoso -sobre urbanismo e patrimonio-; e o editor Manuel Bragado -sobre a imaxe da cidade e identidade.

 

A seguir, en estimación da organización, ás 18.45, comezará “a posta en común e o debate”, que se estenderán até as 20.00 horas. “Temos o firme convencemento de que entre todos podemos encontrar formas de traballar máis horizontais que favorezan a democratización da cultura nesta cidade e así mellorar a vida da veciñanza”, conclúen.