Proxección de 'Tecido Resistente' en Outeiro de Rei

As mulleres de Vilasantar que mudaron o mundo

María Corral, unha das protagonistas do documental 'Tecido Resistente'. Foto: cedida.

“A historia de centos de mulleres que cambiaron por completo a organización social de toda unha comarca no inicio do século XX en Galiza”. Sobre estes sucesos trata o documental Tecido Resistente, de Marina Chiavegatto, que se proxectará o sábado 9 de marzo ás oito do serán na Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei.
 

O filme dura 40 minutos e en 2018 foi premio Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade, outorgado pola Deputación da Coruña. As súas imaxes narran como centos de mulleres, algunhas de apenas 14 anos, empregadas de Hilados y Tejidos de Vilasantar a 37 pesetas á semana, transformaron a sociedade da bisbarra. Porque, para elas, o salariado conduciu á certa independencia e empoderamento autónomo.

 

“A súa incorporación ao traballo remunerado e industrial cambiou a forma en que se organizaba a sociedade en que vivían”, explica a organización da proxección. Tecido Resistente recupera, medio século despois do peche da fábrica, a voz das protagonistas.

 

A propia cineasta, Marina Chiavegatto, manterá coloquio coas persoas asistentes.