A Mostra de Curtas de Noia acollerá a estrea galega de 'Rondallas'
Noia é "unha vila de cultura" que "promove e apoia as curtametraxes e o cinema tanto da propia vila como da Galiza". Con estas palabras describe Manuel Seixas, concelleiro noiés de Obras e Festexos, o obxectivo da vixésimo sexta Mostra de Curtas de Noia, que botou a andar esta cuarta feira no Edificio do Casino. A gala inaugural foi unha homenaxe aos 25 anos de traxectoria que acumula o evento, cunha gala cun formato innovador para a Mostra, contando como presentadores do o actor Federico Pérez e a drag queen Vania Vanila, ambos participantes en edicións anteriores. Monólogos dos presentadores, actuacións musicais e, ademais, a proxección de vídeos nos que se rememoran artistas vencellados coa Mostra, e momentos vividos ao longo dos anos, deron o disparo de saída a unha edición moi especial.
O festival, que naceu respaldado polo propio Concello de Noia e que conta na actualidade cun "importante apoio do sector audiovisual galego", ocupará a vila cunha ampla programación cinematográfica e cultural até o 22 de novembro.
Aliás, a Mostra, ademais dun ciclo de proxeccións audiovisuais ao uso, é un concurso de curtametraxes, cun xurado que conta con membros do talle dos guionistas e directores Ana Liébana, Juan Galiñares e Miguel Bardem; a produtora, actriz e guionista Raquel Menor, e o compositor de bandas sonoras Jorge Magaz. Este prestixio conduciu o concurso a ser considerado cualificábel para os premios Goya. Ademais, este ano, o xurado outorgará o premio honorífico á actriz Mela Casal pola súa traxectoria no mundo do audiovisual, da dobraxe e do teatro.
Curtas desde Galiza para o mundo (e viceversa)
A Mostra de Curtas é un dos certames cinematográficos máis relevantes a nivel galego, e tamén a nivel estatal e global, con máis de mil curtas presentadas, entre as que se seleccionan oitenta para súa proxección na Sección oficial, na que se inclúen as curtas cun maior nivel de profesionalidade. Nela participan curtametraxistas de todas as partes do mundo. Nomeadamente, este ano presentáronse artistas de catro continentes distintos, entre os que se atopan países europeos, americanos e orientais, como é o caso de Irán. As curtas seleccionadas son proxectadas durante cinco dos días que dura o festival de cinema.
Alén da Sección Oficial, a Mostra de curtas inclúe a sección ‘Galicia amateur’, coa participación de cineastas incipientes. Nesta categoría, proposta co fin de fomentar o talento local e principiante, as persoas inscritas deben ser galegas. Priorízase o emprego da nosa lingua.
Destaca a 'Curtacativa', actividade que se realizará nas mañás, unha selección de proxeccións de animación ou dedicadas ao público infantil, escollidos pola organización do evento en base ás mensaxes que transmiten as pezas. Esta actividade ten lugar en centros educativos de Noia e a contorna. Nacho Carnota, cineasta e membro da organización da Mostra de Curtas, comenta o éxito que ten esta iniciativa, medrando cada edición o número de colexios solicitantes de proxeccións.
Noia como protagonista
Destaca tamén na programación outra actividade, denominada ‘Cousas de aquí’, que buscar dar visibilidade ao traballo dun curtametrista de Noia ou dos concellos veciños, ou a pezas audiovisuais que conten historias da zona. Nacho Carnota destaca a Nós Diario a popularidade desta xornada que a converteu “nun dos días máis importantes”, debido á boa acollida que ten no público local. Manuel Seixas comenta que 'Cousas de aquí' é un espazo no que a lingua e cultura galegas “xogan un papel fundamental”. Este ano, esta actividade decorrerá na cuarta feira 19 de novembro, e contará con catro pezas que reflicten historias da zona.
Un dos pratos fortes da programación deste ano é a estrea na Galiza do último traballo de Daniel Sánchez Arévalo, Rondallas. Emitida por primeira vez no Donostia Zinemaldia, o filme conta a historia dunha vila que volve reunir a súa rondalla para superar un naufraxio. O 15 de novembro poderá verse por primeira vez na Galiza no marco da Mostra de Curtas de Noia, nunha proxección na que estarán presentes tanto o director como distintos actores.
Outra das proxeccións destacadas, neste caso, a quinta feira 20 de novembro, é a do documental Sólo pienso en ti, centrado na vida do cantante Víctor Manuel, da que se estabelece o paralelismo co doutor Don Xoán, dedicado á defensa dos dereitos das persoas discapacitadas, contando coa canción homónima como punto de conexión. Estarán tamén presentes o seu director, produtores, e parte do seu elenco.
Ao longo dos días da Mostra terán lugar, ademais, distintas palestras, como é o caso da que dará o compositor Jorge Magaz sobre a música no audiovisual, e distintos talleres para cineastas principiantes e estudantes. Estes decorrerán na súa maioría mañá, con temáticas como a creación de videoclips, a distribución das curtametraxes ou o tratamento da intelixencia artificial no mundo cinematográfico.
Estrea galega: a colectividade como motor de mudanza na sociedade
O filme Rondallas, presentarase este sábado na Mostra de Curtas de Noia como un dos pratos fortes da programación. Este filme, que xa tivo unha preestrea no Donostia Zinemaldia, no que recolleu valoracións positivas da crítica, foi feito baixo a dirección de Daniel Sánchez Arévalo. Está ambientado na Galiza, filmado en localizacións como o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), a praza de San Fernando en Tui ou o porto da Guarda e Santa Trega. Ademais, o elenco confórmano, case ao completo, actores e actrices galegas, entre os que destacan Xosé Antonio Touriñán, Tamar Novas, Javier Gutiérrez ou María Vázquez.
A premisa deste filme é a capacidade que ten unha iniciativa colectiva como é a creación dunha rondalla para ser o motor dunha mudanza na sociedade. Neste caso, a iniciativa logra elevar os ánimos dunha vila mariñeira, tempo despois da perda de habitantes a causa do naufraxio dun barco pesqueiro, deixando atrás o loito.
A relación entre a Mostra e o filme estabelécese a través da súa produtora, Bambú, que, ao ser noiesa, mantén unha relación de “confianza” co evento, segundo comenta Nacho Carnota. Esta relación propiciou a presentación noutras edicións festival doutros proxectos como episodios da serie Velvet.