Morre o escultor ourensán Arturo Baltar

O Belén de Arturo Baltar, en Ourense. Foto: cedida.

O seu mundo non era deste mundo. Ou si. Porque Arturo Baltar empregaba a materia máis humilde, a arxila, o barro. Mais adoito facíao para modelar retablos, maternidades, desposorios, imaxes de santos, cruceiros, nacementos, peregrinos. A relixión na obra de Baltar era, non obstante, popular, apegada á terra, afastada dos palacios. Onte morreu en Ourense, 93 anos despois de nacer en Noalla, San Cibrao das Viñas.
 

Amigo dos intelectuais inadaptados -Eduardo Blanco Amor, o gran novelista, ou Vicente Risco entre eles- o escultor opúxose ao gris dominante na Galiza de posguerra con fermosas figuras policromadas. E que aprendían as súas formas das artes populares. Costureiras, campesiñas, mozas cantando ou a pelar patacas, a muller traballadora foi fundamental nun universo creativo marcado, en segundo que etapas, polo expresionismo e próximo, en ocasións, á pintura de Laxeiro.

Arturo Baltar foi autodidacta. Mais nas súas esculturas non é difícil detectar a pegada do románico ou da arte anónima dos petos de ánimas. Traballaba coas mans, e o seu material procedía da terra. A súa imaxinación era a que xurdía do pobo. Que un ano após outro celebra a súa arte no Belén de Ourense, obra en progreso iniciada en 1967.

 

Foto da AELG: Arturo Baltar cunha das súas obras.