A MIT Ribadavia celebra o Día Mundial do Teatro anunciando as datas da súa 42ª edición

'Reconversión' de Ibuprofeno Teatro na MIT Ribadavia 2025. (Foto: Rosiña Rojo)
Coincidindo co anuncio das datas, a MIT fixo pública a convocatoria do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais 2026, un certame consolidado que ten como principal obxectivo incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) celebra o Día Mundial do Teatro co anuncio das datas da súa 42ª edición, que se desenvolverá do 17 ao 25 de xullo de 2026, cun total de 9 días de programación. Baixo a dirección artística de Sabela Mendoza e Gena Baamonde, a MIT volverá converter a vila de Ribadavia (O Ribeiro) nun epicentro das artes escénicas contemporáneas.

Durante nove xornadas, a Mostra encherá de teatro e creación escénica os principais espazos da vila, cunha programación galega, estatal e internacional que ocupará escenarios emblemáticos como o Auditorio do Castelo, a Igrexa da Madalena e a Casa da Cultura, ademais de estenderse por rúas, prazas e recunchos de Ribadavia.

Os primeiros nomes da programación desta 42ª edición daranse a coñecer no vindeiro mes de abril por parte da dirección artística, que continúa na súa aposta por fortalecer a Mostra como festival histórico do panorama cultural galego e como evento de referencia para as artes escénicas contemporáneas.

“A MIT é unha cita de verán imprescindíbel para moita xente, e traballamos para que así siga sendo. Interésanos ese espazo de celebración da cultura que representa a Mostra, pero tamén a súa capacidade de mobilización alegre, de encontro e reflexión social, especialmente nos tempos complexos e revoltos que vivimos. A MIT é a mesma e é diferente cada ano: quedamos onde sempre para volver imaxinar e para abrir novos mundos. Regresar á Mostra é manter o hábito do extraordinario, o costume de sorprendernos. Este 2026 imos inspirarnos nesta idea da cita: na alegría e no compromiso que se encenden cando acordamos que temos unha cita. Que nos move a encontrarnos? Que ecos permanecen despois? En tempos escuros, a arte segue sendo un refuxio colectivo para o posíbel”, apuntaron desde a dirección.  

Aberta a convocatoria do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais

Coincidindo con este anuncio, a MIT fixo pública a convocatoria do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais 2026, un certame consolidado que ten como principal obxectivo incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega, en continuidade coa histórica tradición teatral impulsada pola Agrupación Cultural Abrente.

O premio está dotado con 4.000 euros, ademais da edición e publicación da obra gañadora, que pasará a formar parte da Colección Premio Abrente.

Poderán participar autoras e autores de calquera nacionalidade con obras orixinais, inéditas e escritas en galego. O prazo de recepción de orixinais permanecerá aberto até o 15 de xuño de 2026, e a resolución do xurado darase a coñecer no mes de xullo, no marco da propia MIT.

Nova etapa para a Colección Premio Abrente

Como novidade desta edición, a MIT principia unha nova etapa na Colección Premio Abrente de Textos Teatrais, cun renovado deseño editorial a cargo da editorial Aira (Allariz). Esta nova liña de publicacións será presentada durante a realización da Mostra coa participación de Isa Fernández, gañadora do Premio Abrente 2025 co texto O miradoiro, nun acto que servirá tamén para pór en valor o papel da dramaturxia galega contemporánea.