Mia Couto, primeiro autor en lingua portuguesa que recibe o premio PEN/Nabokov

O escritor moçambicano Mia Couto. (Foto: Europa Press)

O xurado destacou o papel de Couto na literatura africana e mundial.

O escritor moçambicano Mia Couto foi distinguido esta sexta feira, 11 de abril, co Premio PEN/Nabokov de Literatura Internacional, un galardón outorgado pola PEN América, organización estadounidense que vela pola protección da libre expresión a través da literatura eos dereitos humanos.

Couto é admirado por romances como Terra Sonâmbula (1992) e, mais recentemente, a trioloxía As Areias do Imperador (2015, 2016 e 2018), seleccionada para o Premio Booker Internacional. Segundo comunicou esta sexta feira a editorial Caminho, o xurado do Premio PEN/Nabokov considérao como “un testemuño da dramática historia da súa patria, así como dos enigmas da identidade e da existencia".

Mia Couto, primeiro escritor en lingua portuguesa que recibe este galardón, "ocupa unha posición singular no panorama das literaturas africana e mundial”, valorou o xurado.

A súa obra, extensa e diversificada, inclúe poesía, contos, novelas e crónicas, facendo que Couto sexa considerado un dos autores máis importantes de Moçambique. O feito de que os seus traballos estean publicados en máis de 22 países e traducidos ao alemán, francés, catalán, inglés, italiano e español dá conta tamén da repercusión internacional que ten o autor moçambicano.

No ano 2008 foi recoñecido co Premio Rosalía de Castro do Centro PEN Galiza, un galardón ao que máis tarde se sumarían outros da envergadura do Premio Camões (2013) ou o Neustadt International Prize for Literature, coñecido como o ‘Nobel Americano’ (2014).

O Premio PEN/Nabokov que agora recibe Mia Couto, cunha dotación económica de 50.000 dólares (perto de 44.000 euros), é atribuído anualmente, desde 2016, a escritores vivos cuxa obra, escrita ou traducida ao inglés, destaque polo seu elevado nivel literario en xéneros como ficción, non ficción, poesía ou teatro. O galardón rende homenaxe ao legado de Vladimir Nabokov, destacando a orixinalidade, versatilidade e mestría literaria dos autores distinguidos.