Os Mestre Mateo en Lugo: aposta pola descentralización e o talento
A cidade de Lugo vive un fito histórico ao acoller, por primeira vez, a gala de entrega dos XXIV Premios Mestre Mateo, un acontecemento que marca un antes e un despois na proxección cultural da provincia. Este éxito é o resultado dun esforzo coordinado entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Academia Galega do Audiovisual, que deseñaron unha estratexia para facer deste evento algo máis que unha simple entrega de premios, converténdoo nun motor de dinamización para todo o territorio. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo subliña que o obxectivo principal é reivindicar Lugo como un auténtico "centro de creación cultural", demostrando que o talento audiovisual pode florecer e consolidarse fóra dos circuítos máis convencionais das grandes cidades. Para lograr esta implicación social, a Vicepresidencia da Deputación impulsou unha programación expandida durante dous meses que incluíu proxeccións, coloquios e encontros abertos á cidadanía.
Un dos piares desta estratexia foi o fomento do encontro directo entre creadores, creadoras e público. Exemplo disto foron as sesións nos Cines Códex de Lugo, onde se proxectaron as longametraxes e documentais finalistas, con acceso gratuíto para a veciñanza. Nestas xornadas, o público puido dialogar con figuras como o actor Xoán Fórneas ou a presidenta da Academia, Lucía Veiga, achegando a industria á rúa. Ademais, a Vicepresidencia da Deputación puxo especial énfase en implicar as novas xeracións, levando os premios ás aulas da Facultade de Humanidades e ao centro de formación audiovisual da propia Deputación. A institución destacou isto como unha oportunidade para que o estudantado de Xestión Cultural e de ciclos de Realización e Produción vise nos profesionais actuais referentes próximos e reais para o seu futuro laboral.
A dinamización trasladouse tamén ao espazo institucional co ciclo 'Detrás dos Mestre Mateo' no Pazo de San Marcos, onde os equipos de produción e comunicación compartiron os segredos da loxística dun evento retransmitido en directo por televisión. Esta transparencia busca socializar a importancia dun sector que, sinala a Deputación, "é fundamental que sexa forte e teña o apoio das institucións para seguir medrando". A aposta pola visibilidade incluíu actos inéditos como a lectura pública da lista de finalistas no Vello Cárcere, un proceso que tradicionalmente era fechado e que este ano se abriu á cidade para facela partícipe desde o primeiro momento. En definitiva, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo entende o apoio aos Mestre Mateo como unha ferramenta de cohesión territorial, onde a creación audiovisual serve para proxectar o potencial de todas as comarcas luguesas.
Radiografía do audiovisual
Esta edición dos Mestre Mateo non só destaca pola súa mudanza de sede, senón tamén por acadar cifras que reflicten a madureza e puxanza do sector na Galiza. Este ano rexistrouse o maior número de profesionais inscritos e inscritas na historia dos galardóns, cun total de 565 participantes. Igualmente, a participación nas categorías de longametraxe igualou o seu máximo histórico con 13 obras presentadas. Un dos datos máis significativos e positivos é que 44% das candidaturas corresponden a mulleres, o que supón o mellor rexistro de participación feminina desde a creación dos Mestre Mateo, sinalando un camiño cara á igualdade na industria.
No plano artístico, a competición está marcada polo dominio de tres títulos que suman 40 candidaturas: Antes de nós, Sirāt e As liñas descontinuas. A fita de Ángeles Huerta, Antes de nós, centrada na figura de Castelao, lidera a edición con 18 candidaturas, empregando unha linguaxe clásica que casa coa celebración do Ano Castelao. Pola súa parte, Sirāt, de Oliver Laxe, chega á gala co prestixio de ter sido eloxiada en festivais internacionais como Cannes e recoñecida tecnicamente en certames como os Premios do Cine Europeo ou os Goya. Completa o trío favorito As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, que ofrece unha mirada explorativa e íntima sobre a sociedade contemporánea. Estas tres obras competirán polo premio á Mellor longametraxe xunto con San Simón, de Miguel Ángel Delgado, que recupera a memoria histórica da illa-prisión franquista.
As categorías de interpretación tamén presentan unha forte competencia. Para a Mellor interpretación feminina protagonista, as finalistas son Cris Iglesias, Alba Flores, Lucía Veiga e Mara Sánchez. No apartado masculino, o trofeo disputarase entre o veterano Luís Tosar, Xoán Fórneas, Adam Prieto e Flako Estévez. O sector documental tamén amosa a súa vitalidade con pezas como 360 Curvas, sobre as loitas polo rural vivo na Fonsagrada, ou O silencio herdado, que investiga o franquismo desde unha perspectiva familiar. En canto á televisión, destacan series como Weiss e Morales e programas históricos como Luar, cuxo presentador, Xosé Ramón Gayoso, volve estar entre os nomeados a mellor comunicador. Finalmente, o formato de videoclip reflicte a conexión co territorio lugués, con finalistas como Grande Amore, Sabela Ramil, Xoán Fórneas e Fillas de Cassandra, moitos deles con proxectos vinculados directamente ás comarcas de Lugo.
Tradición e a vangarda musical na gala
A gran noite deste sábado no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo promete ser unha celebración colectiva da cultura galega. Baixo a dirección de Marta Arévalo e con guión de Óscar Cruz, o espectáculo será conducido polos actores Trisha Fernández e Federico Pérez, que serán os encargados de guiar o público por unha gala que se prevé dinámica. O evento non só será unha homenaxe ao talento audiovisual, senón que tamén será un escaparate para o mellor da música galega actual, convertendo o escenario nun espazo de encontro entre xeracións.
A banda sonora da noite terá como protagonista Xabier Díaz, quen acompañado polas Adufeiras de Salitre, ofrecerá unha proposta que conecta a memoria da tradición oral co presente a través da pandeireta e o canto. Xunto a el, participará Mondra -que xa gañou un Mestre Mateo o ano pasado polo videoclip de Marimondra-, unha das voces máis singulares da nova escena galega, combinando a música de raíz coa electrónica.
Con estes ingredientes, a gala deste sábado en Lugo non só premiará as mellores obras do ano, senón que reafirmará a vitalidade creativa da Galiza.
Iria Castro, deputada de Cultura da Deputación de Lugo: "A creación audiovisual tamén se dá lonxe dos centros recoñecidos"
—A Deputación fixo un esforzo por estender o eco dos Premios Mestre Mateo cun amplo programa de difusión. Que relevancia ten este acontecemento para o sistema cultural de Lugo e, por extensión, da Galiza?
Os Premios Mestre Mateo e, en xeral, a actividade da Academia Galega do Audiovisual e doutras institucións, son necesarios como espazo de representación dunha produción cultural propia. O audiovisual feito na Galiza ou desde Galiza precisa un espazo de recoñecemento coma ese.
Nas conversas que mantivemos coa Academia e coa área de Cultura para concretar a súa celebración en Lugo, coincidimos tamén na necesidade de buscar fórmulas para que as profesionais do sector, fosen ou non finalistas, e o público da cidade se sentise partícipe desa celebración. Por iso deseñamos ese programa de actividades que mantivo acceso o espírito dos Premios Mestre Mateo na cidade durante os últimos dous meses, con proxeccións, coloquios e outros formatos participativos.
Pensamos especialmente no estudantado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, que conta con máis de medio cento de alumnos de produción e realización, ou do Grao de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, que se imparte no Campus de Lugo.
—Vostede falou da aspiración de converter Lugo en “centro de creación cultural”. En que medida a noite dos Mestre Mateo contribúe a chamar a atención sobre a necesidade de descentralizar un sistema cultural moi enfocado na actividade das grandes cidades?
Cando anunciamos a celebración dos Premios Mestre Mateo en Lugo fixemos fincapé niso, en que se saldaba unha débeda coa cidade, que nunca acollerá a organización da Gala en máis de dúas décadas de historia. Ocorre tamén coa actividade doutras institucións culturais galegas, que xira fundamentalmente arredor das cidades do Eixo Atlántico.
A iniciativa privada xa tende a ese concentración por razóns económicas, demográficas, de mobilidade...Entendemos que as institucións e as entidades con participación pública temos que tratar de xenerar as condicións para corrixir ese desequilibrio. Os Premios Mestre Mateo non van provocar unha mudanza profunda e estrutural nese sentido. Corrixir isto require políticas culturais orientadas a ese obxectivo en todos os niveis da administración. Pero sí quixemos aproveitar o foco que proporcionan os Premios para proxectar esa mensaxe, e visibilizar que a creación audiovisual se dá tamén lonxa dos centros e circuítos culturais máis recoñecidos. O elenco de profesionais e producións finalistas aos Premios, cunha ampla representación lucense acreditan ese potencial.
—Como valora o nivel da creación audiovisual galega e que cre que se precisa para unha maior difusión dos seus logros dentro do país?
Imos avanzando no recoñecemento e na difusión deses logros, pero moitas veces o facemos a partir da validación ou do éxito que as producións e os seus profesionais logran no plano estatal ou internacional. Segundo datos estatísticos, a produción e a difusión expandiuse na última década, impulsada polo cambios tecnolóxicos. Dentro dese panorama xeral, o que observamos desde a área de Cultura da Deputación é que os proxectos e os proxectos modestos demandan un maior apoio e impulso público para financiar o traballo de produción e realización.