Mercedes Peón: "'Nación' atravesouse coa miña música e eu coa obra de Margarita Ledo"
Como nace 'Osmose'?
É unha peza escénica que fixen no confinamento, pero non porestar aburrida. O que ocorre é que nese momento deixei de actuar e foi cando entreguei a banda sonora do filme Nación, de Margarita Ledo. Eu quedei impactadísima coas imaxes da película, eran bestiais. Ademais desa música, fixera máis música que non foi para o filme. Poderiamos dicir que o filme Nación atravesouse coa miña música e eu atraveseime coa obra de Margarita. O meu pensamento, que ten a ver moito coa miña música, coas miñas propostas de como se pode vivir a vida ou eu mesma, sabendo quen son, atravésase co pensamento de Margarita e dialogan as imaxes coa música.
Con esas imaxes que escollo, con esa música e con esa dramaturxia falo con Peque Varela e pregúntolle que lle parece a proposta. Ela interveu as imaxes e foi moi sutil, pero alucinante. Hai que velo para entendelo. Logo tamén conversei con Laura Iturralde e comenteille que me gustaría que fixese un espazo escénico e luminoso, mais comigo, para poder traballar a improvisación. Todo isto, co paso do tempo, acabou dando lugar a Osmose.
Sobre que versa este espectáculo?
Osmose é unha pregunta sobre os corpos prexénero da creación colectiva. Que aconteceu e que pasou con esa metáfora do osmose, porque hai unha membrana polo medio. Sempre hai unha membrana entre eu e o que está acontecendo. En definitiva, é unha pregunta sobre os corpos prexénero con densidades distintas e outra densidade, que digamos que é o capitalismo, e sobre o que pasa neses dous líquidos de densidades distintas.
É unha obra atravesada polo pensamento de Marga, pola música feita, provocada, por outra persoa, atravesada polo facer de Peque Varela e atravesada pola escenificación luminosa de Laura Iturralde. Ademais, agora a artista Peque Varela tamén tomou o rol de dirección escénica dende fóra, axudándonos a dirixir a mirada externa en cada actuación. E por suposto tamén seguimos improvisando.
Tivo unha boa acollida por parte do público nas preestreas de Barcelona e Madrid...
Foi moi emocionante. A xente saiu chorando e moi emocionada. A verdade é que a acollida mellor non puido ser. A xente quedou moi impactada e a peza, que non sei se gustará ou non, conta en si cunha proposta que eu entendo que ten moito interese.
Tamén vén de impulsar a iniciativa 'Somos Pandeireteiras'. Cales son os seus obxectivos?
É un proxecto que xorde polo pensamento de: ‘cales son as representacións sociais que temos en relación ás tocadoras e pandeireteiras?’. Iso por unha banda. Por outra, tamén xorde como reflexión de que se está facendo para transmitir tanto o que é a música en si, o tocar a pandeireta e o cantar, mais tamén a problemática e preocupación de se realmente as novas xeracións teñen un contacto con isto e se entenden que eran outros xeitos de operar dende o eido musical e, sobre todo, dende a creación colectiva.
Como a través da pandeireta existía o que agora denominamos, en conceptos máis actuais, a sororidade e como isto operaba dentro delas. Todo isto, que é complexo e que ten liñas de pensamento e de diálogo entre nós, dá lugar a un espazo no que poder artellar estas sinerxías e esta relación na sociedade actual.
Que plans ten para o futuro?
Pois disco non creo que saia ningún máis. Haberá pezas, escénicas ou outras intervencións. Encargáronme agora unha banda sonora para o filme O corpo aberto, de Ángeles Huerta e é o seguinte proxecto a abordar.