MERCEDES LEOBALDE, ESCRITORA

“Puxen as personaxes en situacións extremas e tiran para adiante con valentía”

Mercedes Leobalde

Como funambulistas en situacións extremas camiñan os personaxes do novo libro de Mercedes Leobalde, gañador do Premio Ánxel Fole de narrativa. 

Despois de ter gañado o Illas Sisargas de poesía erótica con Chamádeme Eva, Funambulistas (Xerais) é o segundo libro desta autora que leva tempo escribindo mais que salta agora ao ámbito público da literatura. 

-O título do libro está recollido nun dos seus relatos, por que se decidiu por "Funambulistas"?

Cando aínda non sabía moi ben como artellar o proxecto xa tiña o título, desde o inicio tiña claro que sería este. O funambulista é o que anda na corda frouxa e todos temos moito de funambulistas. Na vida, por moito que  intentemos, non hai ningunha situación estábel. Pensas que estás tranquila e vénche unha do revés e perdes o equilibrio. Quería poñer personaxes diversos e enfrontalos a unha situación de crise, extrema, e comprobar como se desenvolvían. Finalmente case todas tiran para adiante con valentía. Por riba, as mulleres temos un plus de funambulistas. 

-Algúns son relatos tráxicos mais tentou imprimirlle esa vontade de sobrepoñerse ás circunstancias?

Penso que si,  a súa maneira, mais acontece. Non son personaxes inmobilistas. Buscan reaccionar para saír desta situación. Tentei que no libro se recollese variedade de personaxes, homes e mulleres, novos e vellos mais a maior parte son persoas que superan as súas propias circunstancias, ás veces adversas. 

"Na vida, por moito que  intentemos, non hai ningunha situación estábel. Pensas que estás tranquila e vénche unha do revés e perdes o equilibrio". 

-Dalgunha maneira, quería mostrar que, malia a condición extrema dalgunhas, a todo o mundo pode pasarlle unha historia como as súas?

Exemplifican, dalgunha maneira, a idea de inestabilidade, do eventual que é todo, da necesidade que temos de aproveitar ao máximo os momentos porque todo se acaba. Se non houbera perigo non se darían situacións de inestabilidade, mais o perigo está aí e unha traxedia pode sobrevir en calquera momento. 

-O editor e membro do xurado, Manuel Bragado, definiu o seu libro de relatos como unha “novela sobre a fraxilidade contemporánea”. 

Con que trata de abordar a fraxilidade contemporánea estou plenamente de acordo. O de escribir unha novela non era a miña intención, de feito, quixen facer un catálogo de relatos que podía ser menor ou amplialo até o infinito. Optei por recoller 25 relatos breves mais algúns deles, certo é, están conectados entre si. En todos hai un elemento que repito con intención de tecer unha arañeira e logo comparten a idea de ir á esencia na temática ou na forma de se expoñer as historias. A idea era crear un personaxe e poñelo nunha situación e ver como sae dela. Ir ao grao. Gústame moito o relato breve e mesmo me encantaría escribir micro-relatos. 

-O atentado contra un inmigrante, a moza que queda preñada, o consultorio de Elena Francis ou un particular roubo do Códice... os contos quería facer tamén retrato e crítica social?

Son circunstancias tráxicas que poden acontecer á nosa beira, como a actitude autoritaria dun policía contra un rapaz senegalés que dá pé a unha desgracia. A miña maneira de ver as cousas non é compracente e iso trasládase aos lectores, cunha dose de crítica sobre a nosa realidade. 

-Quixo darlle desta maneira un golpe de realidade a quen os lea?

Cando empecei a escribir non sabía aínda se sairían do meu ordenador mais paseino ás amizades e seguín escribindo porque me divertía moitísimo. Ademais desa crítica e ese compromiso coa realidade, eu creo que teñen bastante humor. É a miña maneira de escribir, coas miserias, o dramatismo e a denuncia mais tamén con humor. Non cal pode ser a reacción dos lectores mais se se sinte motivada a pensar ou botar unha risa a min paréceme ben. Calquera reacción, xa só por existir, é boa. 

"Non sei cal pode ser a reacción mais se leva a pensar ou botar unha risa a min paréceme ben. Calquera reacción, xa só por existir, é boa". 

-Con Chamádeme Eva gañou o premio Illas Sisargas de literatura erótica e con Funambulistas fíxose co Ánxel Fole. Levaba moito tempo escribindo antes?

Sempre me gustou escribir pero non tiña ansia de publicar. Escribía para min, para verbalizar os pensamentos. O cambio produciuse ao asistir a obradoiros literarios de Antía Otero, Dores Tembrás ou Yolanda Castaño. Comecei a ler textos en público e ver a reacción e cando vin que a xente podía sacar proveito do que escribía, goce mesmo. O acto de escribir pode esgotarse en si mesmo mais tamén pode acontecer que nun momento decidas que compensa publicar. Se non asistira aos obradoiros non tería pasado. 

-Vostede é filóloga, o que lle presupón certas destrezas literarias, como decide participar de obradoiros de escrita?

Porque tes destrezas lingüísticas, non literarias. Unha cousa é ter dominio da lingua e outra saber crear historias. Nos obradoiros danche ferramentas, ideas, propostas de exercicios.. que son necesarios para crear literatura. Gustáronme, gocei neles e aprendín moito. Eu era moi asistemática e decidín tomalo máis a serio. Os obradoiros póñenche ademais en contacto con persoas das mesmas inquedanzas e estás nun ambiente que te motiva. 

-Poesía erótica no primeiro libro e narrativa, como se vai mover a súa traxectoria entre os xéneros?

A poesía é nova, dos obradoiros, os relatos veñen de antes. Cos xéneros pásame como coa lectura, vou dun a outro. Podo ter a un tempo varios relatos empezados, estar documentándome doutros... Apunto todo o que me para pola cabeza. Teño varias ideas que poden ser relatos curtos ou novelas mais non sei se me darei atrevido. Terei que seguir aprendendo. 

-Nese sentido, cales son os seus referentes literarios?

Moito a literatura latinoamericana: Cortázar, Borges, Rulfo, Horacio Quiroga, Benedetti... tamén Chejov, Poe ou Virxinia Wolf. Nos galegos, Castelao, Cunqueiro, Marilar Aleixander ou Xosé Miranda. Dos recentes, sentinme moi próxima de  Os televisores estrábicos de Ramón Vilar e As ilusións estrañas de Antón Dobao. 

A entrevista saíu publicada no n. 135 do semanario Sermos Galiza xunto cun adianto editorial da obra, daquela aínda non publicada. O número está ao dispor na nosa loxa.