A Universidade da Coruña negocia asumir os fondos sobre xeoloxía de Sargadelos

A memoria da ciencia da terra en Galiza

Indicador no complexo de Cerámicas do Castro, en Sada. Foto: Vilachán.

Do que un día foi Sargadelos apenas vai quedando rastro. Aquel conglomerado empresarial, en que parte das plusvalías obtidas pola fabricación de cerámica servían para financiar activismo, investigación cultural e recuperación da memoria democrática de Galiza, ficou reducido á louza. Unha desas pólas atópase agora a piques de pasar a mans da Universidade da Coruña: os históricos fondos documentais e xeolóxicos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe que quedaban no Castro (Sada).
 

Unha nutrida biblioteca -libros, separatas e revistas científicas-, documentación epistolar de máis de oitenta anos e tres importantes coleccións de pedras e fósiles compoñen o núcleo dos materiais. Todo ten a súa orixe en Isidro Parga Pondal (1900-1986), o químico especializado en xeoloxía, expulsado da universidade compostelá en 1936 a causa das súas ideas progresistas -tamén a respecto da propria institución- e nacionalistas.

 

O Laboratorio Xeolóxico de Laxe foi produto daquel tempo do sapo, a posguerra. Parga Pondal fundouno na súa vila natal en 1940 para se dedicar “ao estudo da xeoloxía de Galiza e do Hercínico Penínsular Ibérico”. “Ate o final da súa vida profesional en 1969, senta as bases actuais da moderna xeoloxía galega”, expoñen na páxina web do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, que recolle o espírito daquela experiencia.

Unha década despois da xubilación do científico, o seu fillo José Ramón Parga Peinador -continuador do proxecto- morreu en accidente de tráfico. É cando apareceron, providenciais, Sargadelos e Isaac Díaz Pardo. Os fondos documetais, a litoteca, a hemeroteca e a biblioteca mudáronse de Laxe ao Castro, en Sada, onde un edificio do complexo acolleu, desde 1979, a sede do laboratorio e os seus traballos.

 

A Universidade da Coruña cruzouse en 1994, cando asinou un convenio co Seminario de Estudos Galegos e mais o centro xeolóxico -ambas as dúas institucións integradas en Sargadelos- que desembocou, tres anos despois, na constitución do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.

 

Os materiais históricos e a biblioteca, en ampliación continua, ficaron en Cerámicas do Castro de Samoedo e son os que agora a universidade procura asumir. A colección de rochas de Isidro Parga Pondal, a de fósiles -base do seu fundamental estudo da era cuaternaria- e o modelo en escaiola do segundo mapa xeolóxico moderno de Galiza, fabricado por Díaz Pardo segundo as instrucións de Parga Pondal. O segundo, porque o primeiro fíxoo Guillermo Schulz en 1834, o xeólogo alemán do que o Laboratorio Xeolóxico de Laxe garda amplos fragmentos da súa colección de mostras.

 

O esmorecemento da dimensión cultural


“Estes fondos teñen moito interese”, explica o catedrático da Universidade da Coruña Juan Ramón Vidal Romaní, “hai libros que eran da biblioteca de Parga Pondal, e a súa mostra de rochas abrangue todo o territorio galego. Foi a segunda, despois da de Schulz, elaborada con criterios científicos”. Propiedade da universidade coruñesa, dos descendentes de Díaz Pardo e mais dos de Parga Pondal, estes materiais completarían o Instituto Universitario que leva o nome do xeólogo no caso de se pechar o acordo. Circunstancia que Vidal Romaní considera máis que probábel.

 

A dirixencia que tomou o leme de Sargadelos despois de afastar ao fundador Isaac Díaz Pardo desentendeuse das iniciativas culturais que marcaban a singularidade do proxecto. A liquidación de Ediciós do Castro -editorial pioneira na recuperación da memoria histórica-, a clausura do Museo Carlos Maside ou o desartellamento do Laboratorio de Formas -centro ideolóxico do entramado- así o certifican. Os herdeiros de Isaac e de Parga Pondal e a Universidade da Coruña negocian agora unha solución para o legado orixinado a partir do labor deste último.