O mellor mural do mundo atópase en San Xoán de Río

Juan Pérez posando diante do mural 'Juan o afiador'. (Foto: Juan Carlos Pérez)
A obra de Mon Devane foi recoñecida esta segunda feira.

O recoñecido artista galego Mon Devane vén de ser galardoado co premio internacional 'Best of July' da plataforma Street Art Cities pola súa rechamante obra mural Juan o afiador, situada na aldea de Castiñeiro, en San Xoán de Río (Terra de Trives), que proximamente acollerá a sede de RuralHaus no mesmo edificio onde se realizou a pintura.

A creación, designada entre obras de máis de 35 países, destaca no podio das dez mellores e xa conquistou o galardón final, superando murais do Reino Unido e dos Países Baixos, o que evidencia a repercusión global dunha pintura situado nun lugar pausado da Galiza. Esta distinción converte o proxecto nun exemplo claro de como a arte urbana pode levar a identidade rural ao escenario mundial.

O mural homenaxea Juan Pérez, un afiador de 89 anos que é símbolo dunha xeración de emigrantes e artesáns. O retrato, en estilo monocromático e fotorrealista, capta a dureza e a resiliencia dos oficios tradicionais. A vida de Juan abrangue desde o oficio de pastor, a emigración en Suíza, o traballo de adaptar un motor de afiar na Vespa até recuperar o oficio tradicional na súa aldea. A día de hoxe segue activo: corta leña, xoga á billarda e conserva o humor e o alento, malia ter superado a Covid con pneumonía bilateral aos 85 anos e sen medicación.

A sede de RuralHous,en San Xoán de Río

A iniciativa da sede RuralHaus na aldea de Castiñeiro é promovida pola startup Aldealista, movemento polo Renacemento Rural que revitaliza comunidades mediante turismo xenerativo, formación en oficios tradicionais, restauración sostíbel e innovación local. RuralHaus aspira a fusionar a sabedoría ancestral dos veciños coa intelixencia artificial, a ciencia e a creación artística, creando redes de aldeas como laboratorios sociais e culturais con impacto global.

Mon Devane manifestou neste sentido o seu orgullo por este traballo: “Que este recoñecemento a nivel mundial recaia nun mural nunha aldea tan pequena, que ademais será sede da RuralHaus, demostra o poder da arte como motor de transformación social e comunicación global”.

Este galardón garante ao artista un lugar destacado nos 'Best of 2025' e consolida Castiñeiro como referente da vangarda rural e da arte urbana a nivel internacional.