A mellor colección de moedas dos reis da Galiza, á venda nunha poxa pública en Madrid
O vindeiro 25 de xuño o Hotel Palace de Madrid acolle a venda en poxa pública da colección de moedas do gran numismático galego Antonio Orol Pernas, que inclúe 355 pezas, varias delas únicas, acuñadas entre o século I e o século XIX, destacando as referidas aos principais monarcas galegos.
Antonio Orol Pernas (1943-1991) foi a persoa de referencia da numismática galega do século XX. Autor dunha ampla bibliografía sobre o tema, entre a que destaca o seu traballo sobre as pezas acuñadas no reinado de Afonso VIII, atesourou ao longo da súa vida unha importante colección de moedas elaboradas na Galiza entre o século I e o século XIX. Agora este conxunto está á venda na casa de poxas madrileña de Jesús Vico, unha das empresas máis recoñecidas a nivel estatal e europeo do sector da numismática. Os prezos de saída de cada peza oscilan entre os 20 euros dunha das moedas aos 25.000 doutra
Jesús Vico sinala a Nós Diario que "sen ningunha dúbida a colección de Orol é a mellor colección de moedas galegas existente na actualidade". A este respecto, destaca as "pezas da época romana, varias delas moi raras, algunhas do reino suevo, que son únicas, e pezas excepcionais da Idade Media". O conxunto tamén inclúe moedas acuñadas durante a Idade Moderna e Contemporánea, entre elas algunhas elaboradas na Casa da Moeda de Xubia, en Narón (comarca de Trasancos).
O historiador e museólogo Felipe-Senén explica a Nós Diario que a de Orol "é unha das mellores coleccións numismáticas do Estado e de Europa, unha colección moi traballada ao longo de toda unha vida, que ten un valor moi significativo para a cultura galega e para a historia do país". Neste sentido, lamenta que "vaia en camiño de ser despezada, como xa aconteceu coa colección numismática de Cuena e con outros elementos importantes do noso patrimonio" e denuncia "a falta de interese das administracións pola súa preservación".
A este respecto, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema apunta a Nós Diario que "a Lei de patrimonio histórico español recoñece o dereito de tanteo e retracto aos Gobernos estatais e autonómicos no caso de que se saquen á venda polo sistema de poxa bens patrimoniais con valor histórico, o que lle permitiría ficar cos bens obxecto da poxa polo mesmo prezo en que fosen vendidos". Aclara que "a Administración contaría con dous meses desde a data da venda para exercer o dereito de retracto e disporía de até un máximo de dous anos para facer efectivo o pagamento".
Nós Diario púxose en contacto coa Consellaría de Cultura para recadar a súa opinión sobre a operación de venda da colección numismática de Orol e para saber se tiña a intención de desenvolver accións para adquirila. Tras varias comunicacións ao longo do día co departamento do que depende a área de patrimonio, os seus responsábeis aseguraron descoñecer a operación de venda e afirmaron carecer de información da mesma.
A colección de moedas de Antonio Orol explica a existencia de Galiza como realidade política diferenciada entre o século V e XV. Malia que o conxunto contén pezas anteriores, concretamente 10 da Idade Antiga que dan conta da relevancia do país dentro do Imperio Romano, perto de 200 coinciden cos máis de 1.000 anos nos que Galiza funcionou como unha entidade política de seu no ámbito peninsular e europeo. Así, destacan as moedas correspondentes ao reino galego dos suevos, o primeiro reino medieval de Europa constituído ao redor de 411.
"Moeda de paz na Galiza"
Unha das pezas únicas á venda na poxa -e cuxo prezo de saída ascende a 15.000 euros- é unha moeda acuñada polos reis galegos a finais do século VI que inclúe a inscrición "Mvnita Gallica Pax", "Moeda da paz na Galiza", que segundo sinalou o historiador alemán Wilhelm Reinhart na súa Historia xeral do reino hispánico dos suevos fai referencia ao Reino da Galiza. No caso de ser certa esta hipótese, que investigadores como o británico H.V Livermore cuestionan malia asociala ao monarca galego Miro, trataríase da primeira moeda onde aparece mencionada Galiza como entidade política.
O conxunto numismático de Orol confirma que Galiza mantívose como realidade diferenciada dentro do espazo político visigótico após súa conquista en 587 polo rei Leovixildo. Nesta lóxica, explícanse as 18 moedas acuñadas polos reis visigodos no país, entre elas dúas de Witiza, cuxa corte estaba emprazada en Tui, na comarca do Baixo Miño.
Unha parte importante das moedas correspóndense cos séculos XI, XII e XIII, que a historiografía considera como unha das etapas de máis esplendor do reino galego. Neste conxunto, atópanse pezas acuñadas por Afonso VI e o seu neto, o emperador Afonso VII. Concretamente, as catro pezas deste reinado conservadas na colección de Orol foron elaboradas nunha ceca de Lugo.
As figuras de Fernando II e o seu fillo Afonso VIII, soterrados no Panteón Real da Catedral de Compostela, evidencian, en opinión do historiador Francisco Rodríguez, que "resulta incuestionábel que, a finais do século XII, o poder político concentrábase no Reino de Galiza e que os seus monarcas -da Galiza e de León- pertencían a un medio social, cultural e lingüístico galego". Enténdense así a importante presenza de moedas destes reinados, na súa maior parte emitidas en Compostela, mais tamén na Coruña e Ourense.
Un conxunto numismático para explicar a Galiza de hoxe
A colección numismática de Orol ofrece unha panorámica precisa da revolución galega do século XIV, un movemento de carácter nacional popular que se alongou desde 1357 até 1387 con diversos protagonistas e liderados, co obxectivo de alcanzar unha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal, hexemónica no espazo ibérico e ligada aos pobos atlánticos, cuxa derrota militar, en palabras do historiador Francisco Rodríguez representou "a primeira fenda de importancia que se produciu para estabelecer a dependencia da Galiza e o comezo da dinámica na que aínda estamos inmersos”.
O conxunto recolle catro moedas emitidas polo rei portugués Fernando "O Fermoso", proclamado monarca galego en xuño de 1368 á morte de Pedro I e que se mantivo no trono do país até finais dese ano.
A última tentativa do partido galego por dotarse dun monarca propio no marco da revolución galega do século XIV deuse entre o verán de 1386 e finais de 1387, cando Xoán de Gante, fillo do monarca británico Eduardo III e duque de Lancaster, foi proclamado monarca galego. A colección de Orol contén catro moedas acuñadas na Coruña polo duque de Lancaster