Certame literario "Un verán con Castelao"

"Melide, inverno de 1946", por Belén Blanco Rodríguez

Polas tardes leo os libros que me deixara o meu mestre fuxido. (Foto: Lvdesign)
IES de Melide.

A guerra xa rematara e as noites seguían sendo máis longas e frías do que a xente pensaba, coma se o tempo se conxelase en Galicia Mártir. Todas as noites pasaba ata a media noite sentada na lareira. Era o corazón da casa. Sempre comía un pouco de chourizo con pan antes de ir para a cama. Moi pouca xente entenderá este gran pracer.

Aínda non me presentei: son Belén e teño 16 anos. Falo, falo moito, pero non en calquera idioma… eu falo galego, pero non un galego calquera, senón GALEGO. Miña nai obrígame a falar castelán na escola, diante do cura, diante do médico… Que aburrido, verdade? Pero cando estou na casa, falo galego polos cóbados, sobre todo coa miña avoa Carmiña. Sempre quedaba comigo ata a media noite comendo chourizo e falando de toda a xente da vila. E si, digo “quedaba” porque unha febre levouna por diante, a ela e tamén a alegría da casa.

Tamén temos falado de cousas moi importantes. Ela sempre me dicía que hai palabras das que xamais nos podemos esquecer: “Porque se se esquecen, morre a lingua e a terra”. Queredes que vos diga algunhas desas palabras? Pois mirade, aquí van: orballo, luscofusco, morriña, xeada, retrinque, amuinarse, enxebre, apalpar, fervedoiro, choveirar, lareira, romaría, falcatruada, rebulir, trébede, carabuñas, gorentoso, dorna, ruliña, rebuldeira, toxo, paspallás… E dáme a min que podería seguir con moitas máis.

Polas tardes vou moitas veces vou á palleira a escribir e ler os libros que me deixara o meu mestre fuxido. Vouvos contar un segredo —ides pensar que estou tola, pero non é así—: desde o día que empecei a ler os libros do meu mestre, comecei a escoitar unha voz. Non era unha voz real como os berros que me da miña nai, era un pensamento, un son que escoitaba no interior da miña cabeza. Pero non era meu, aínda que podía selo, porque falaba sempre, pero sempre, en galego pero era con voz de home.

—“A lingua está morrendo, Belén. E ti es das poucas que aínda a fala. Escóitame ben, tes que facer algo”.

Dispúxenme a facelo. Un día vin na praza unha nai que lle berraba ao seu fillo por falar galego.

—“Non fales coma os paletos!” —díxolle a nai.

Quedei parada na praza mirando para aquela muller, e sentín algo dentro de min que ardía. E entón, outra vez, esa voz faloume:

—“Están matando a túa lingua, Belén. E ti, ti podes impedilo.” O único que soltei pola boca foi:

—“CALA TI, A ÚNICA PALETA ES TI, NON O TEU FILLO!”.

Fuxín correndo coma nunca ata o monte ao lado da miña casa. Gústame estar alí.

Teño uns cantos libros do meu mestre, un caderno onde teño as miñas cantigas, poemas e relatos. Tamén teño unha pandeireta que me encanta tocar mentras canto.

Ao abrir un deses libros, caeu algo das follas. Era un papel amarelo e vello, dobrado catro veces. Abrino con coidado. Tiña un debuxo feito a man: un home cun sombreiro, lentes redondas, ollos profundos. E debaixo, unha sinatura que poñía: A. D. R. Castelao.

Quedei sen palabras e pasáronseme mil cousas pola cabeza. E si, unha desas mil cousas era: e se ese era o home que levaba semanas falándome na cabeza?

"Mentres haxa quen fale, escriba, pense e ame en galego, eu seguirei vivo", díxome Castelao.

Deixei o papel no chan, pechei os ollos, e falei en baixo, case susurrando:

—“Castelao, es ti quen me fala?”.

—“Si Belén, eu non estou morto. Mentres haxa quen fale, escriba, pense e ame en galego, eu seguirei vivo. E ti es unha desas poucas persoas que me fai estalo.”

Desde aquela, cada noite falamos. Eu na lareira, co chourizo e o pan, e el na miña cabeza. Nestas charlas doume conta do moito que estraño á avoa, e do contenta que se poñería se soubese que falo co mesmísimo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Eu sei que a avoa me crería se llo contase, non como miña nai, que me di:

—“Belén, déjate de tanta tontería, tanto Castelao y tanto gallego, y ponte a hablar castellano!”.

E sabedes o que lle respondo eu?

—“Mamá, falo galego porque me peta, porque me sae da lingua e, sobre todo, porque me sae do peito, eu nacín galega e morrerei galega”.