Medulio evoca en Ferrol a figura e obra de Carvalho Calero
A Sociedade Cultural Medulio de Ferrol organiza esta segunda feira, día 16, ás 20h, no Antigo Hospicio, un acto en que evocará a figura e obra de Ricardo Carvalho Calero e que contará coa presenza de María Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Xosé Ramón Freixeiro e Manuel Ferreiro.
As palestras prestarán especial atención á posición de Carvalho en relación coa Constitución española, o Estatuto de Autonomía de Galiza e o modelo de cooficialidade de linguas vixente e analizarán a súa faceta como poeta, historiador e crítico literario.
Fecharán o acto Xoán Padín e Alberte L. Porta, quen cantarán poemas do autor con música propia.
Medulio, pioneira en recoñecer a Carvalho Calero
A Sociedade Cultural Medulio foi a primeira de Galiza en organizar en 1982 unha homenaxe nacional a Carvalho en recoñecemento do valor intelectual e estético da súa obra e pola dignidade da súa conduta, que o condenou "ao ostracismo" por parte das institucións culturais oficiais, afirma a entidade no comunicado.
Aliás, Medulio sinala que repudia “a teimosía destas institucións, especialmente a Real Academia Galega, en manter nese ostracismo a figura e obra de Carvalho Calero polo simple feito de discrepar da política lingüística que tanto dano fixo e está a facer á nosa lingua e por manter unha actitude crítica respecto do réxime instaurado en 1978”, pois o intelectual entendía que non respondía a “un modelo democrático xenuíno” e que non daba resposta ás necesidades do pobo galego.
María Pilar García Negro: “Carvalho Calero é o grande polígrafo”
Consultada por Sermos Galiza, a profesora da UDC e escritora María Pilar García Negro pon de manifesto que na intervención desta segunda feira informará de que Carvalho Calero “é o grande polígrafo galego que representa a ligazón perfecta coa xeración do 16, das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, da revista Nós e do Partido Galeguista, ao que pertenceu desde a súa fundación”. Estas, engade, son as súas “credenciais de inicio”.
“Todo o traballo intelectual e político desenvolvido neses anos viuse despois brutalmente interrompido pola guerra civil española, pola condena de cárcere que padeceu e por todo o ostracismo que padeceu até que despois dun longo período de recuperación da docencia nun centro privado, o Fingoi de Lugo –non tiña dereito a exercer no ensino público-, por fin pode cumprir un dos seus desexos de mocidade, ingresar como profesor na Universidade”, afirma María Pilar García Negro. “Isto vai ter a súa culminación na cátedra obtida en 1972 e até 1980, cando por imperativo da idade ten que xubilarse”, engade.
García Negro: "Houbo unha proscrición e desprezo completo a Carvalho Calero do galeguismo oficial, do autonomismo e das súas autoridades políticas e académicas"
A estudosa pon de manifesto que a derradeira década da vida de Carvalho Calero “supón un revival daquela etapa inicial, de maneira que asistimos a un dobre proceso significativo da historia da Galiza dese período: proscrición e desprezo completo do galeguismo oficial, do autonomismo e das súas autoridades políticas e académicas e, en paralelo, o movemento de recoñecemento por parte do nacionalismo organizado como tal e das asociacións culturais e dos movementos a prol da lingua que existían ou que naceron naquela altura, como o caso da Mesa”. Precisamente, foi Carvalho Calero quen selou a fundación da Mesa cunha conferencia final “magnífica”, en palabras de García Negro, en abril de 1986.
A tamén colaboradora de Sermos fai alusión ao traballo constante de Carvalho Calero, mesmo como xurista, en estudos literarios e lingüísticos, alén da “atenta análise da situación legal do galego e da impugnación, por exemplo, da Lei de Normalización Lingüística, da resolución do Tribunal Constitucional, e todo iso plasmouno en artigos definitivos”.
Estamos, sinala García Negro, diante da “personalidade intelectual máis completa, máis traballadora, mellor formada e cunha erudición e un caudal de leituras e coñecementos ao servizo de Galiza”. Foi Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (Laiovento) o título elixido para o libro organizado pola propia estudosa en 2010 para conmemorar o centenario do nacemento do intelectual.