'Medida por medida (A culpa é túa)' consegue o Premio do Público FIOT34

Escena do espectáculo 'Media por media (A culpa é túa)', en Carballo, en outubro. (Foto: Vanessa Rabade)
A mostra converteuse nun fito histórico do festival de Carballo

O espectáculo Medida por medida (a culpa é túa), de Gabriel Chamé Buendía, gañou onte o Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que botou con éxito o pano da súa 34ª edición o pasado 31 de outubro cun balance altamente positivo. Así, 'o corazón do teatro na Galiza' contou con perto de 15.000 asistentes ao longos das súas seis semanas, con 44 espectáculos e máis dunha vintena de actividades paralelas, un fito nas súas máis de tres décadas de historia. O espectáculo de Chamé foi o máis valorado polo público desta edición, cunha puntuación de 4,75 sobre 5, a moi curta distancia de Eu só quero irme a Francia, de Contraproducións, protagonizado por María Galiana, que obtivo a segunda posición cunha puntuación de 4,63.

Dez anos despois, da súa anterior visita ao FIOT, o prestixioso arxentino mestre de actores, Chamé, volveu reinventar Shakespeare desde o humor físico e unha linguaxe escénica lúdica que recorda a tradición xograresa. Na obra cuestiona as estruturas morais que gobernan e revela as tensións entre o poder e a responsabilidade, situando a figura feminina no centro dun conflito inquietante  e actual, o abuso político e sexual. Chamé propón no espectáculo unha reflexión sobre un presente infantil e vixente que culpa sempre ao outro e sobre os lazos íntimos entre a nobreza e a baixeza do ser humano.

O FIOT é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e con proxectos do teatro actual. Desde hai 34 anos esta iniciativa dá a coñecer en Carballo (Bergantiños) o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes, atraendo novos público ao teatro.