Mario Soto, arquitecto transatlático
Nas redes sociais pódense ver na actualidade imaxes de arquitecturas de gran beleza plástica baseadas en formas de formigón e vidro. Estas fotografías realzan a expresividade do material espido. Unha estética até hai pouco impopular. En parte, o fenómeno débese ao filme The Brutalist (Brady Corbet, 2024) que volveu sacar á palestra o interese nesta arquitectura, recuperando a imaxe do brutalismo e con ela a súa estética. Este estilo caracterízase polo uso de materiais sen revestir, en cru, e fundamentalmente, deixando á vista a estrutura. O termo procede do francés betón brut, que quere dicir formigón en bruto, ou visto.
Precisamente, o formigón acostuma ser o protagonista destes edificios. Este material ten a propiedade de adquirir a forma do encofrado (molde) sobre o que se verte. Tanto é valido para construír piares e lousa para pisos, como para formar láminas ou elementos decorativos. Esta versatilidade e a súa resistencia, sumadas ao económico da súa posta en obra fixérono ser o material predominante do pasado século.
Hai 70 anos, durante a reconstrución de Europa, logo da segunda guerra mundial, o brutalismo tivo o seu maior auxe. Entre os anos 50 e 70 do século XX naceron moitos barrios ás aforas das cidades europeas e americanas. Moitos deles feitos con grandes bloques de edificios de formigón cru, que co paso do tempo converteríanse en guetos. Así, esta estética ficou asociada á marxinalidade, pobreza e exclusión social. E este estilo acabou sendo moi impopular.
Pola contra, moitos das e dos arquitectos da época tiñan a intención oposta. Crían na xustiza social e en facer vivenda accesíbel e de calidade. Inicialmente, deixar a estrutura á vista era unha postura ética, estética e tamén era un xeito de aforrar. Eliminado todo o superfluo, foi como conseguiron facer máis vivenda con menos diñeiro e manter a calidade. Nun tempo no que facía falla construír moito e rápido. Ademais era unha maneira minimalista e sincera de construír, deixando todo á vista. Esta austeridade formal permitía abaratar a construción, e deste xeito, facilitar o acceso á vivenda á xente do común.
Faise imprescindíbel nomear o arquitecto suízo-francés alcumado Le Corbusier. Seguramente, o arquitecto máis influínte da primeira metade do século pasado. El, que durante toda a súa carreira sempre estivo á vangarda, tamén foi referente do brutalismo. As súas obras desta época destacan polo uso do formigón, materia que fixo alcanzar o extremo da expresividade formal. Son exemplo deste uso a Unité d'Habitation de Marselha, o mosteiro Sainte Marie de la Tourette perto de Liyon ou os múltiples edificios e ordenación de Chandigarh (India). Mediante libros e revistas da época, o seu maxisterio expandiuse arredor do mundo.
Deste xeito, a súa influencia tamén chegou á Galiza. Un dos moitos arquitectos influenciados polo mestre foi o arxentino-galego Mario Soto. Este soubo compaxinar a modernidade inspirada por Le Corbusier adaptada a cada contexto, climático, social ou económico. Ademais destaca pola súa vocación docente e compromiso social e político nunha época convulsa.
[Podes ler a reportaxe de Iago Valverde íntegra no Sermos Galiza deste sábado, 6 de xuño, que acompaña o xornal]