Contracultura

María Quiroga: "Cando vai cambiando o escenario, tamén hai un proceso de cambio na protagonista do libro"

A autora María Quiroga. (Foto: Nós Diario)

María Quiroga (Lugo, 1992) explora as emocións asociadas ao loito en Perder o norte (Galaxia), unha novela que parte dunha viaxe en bicicleta convertida en metáfora sobre o sentido vital. No Camiño de Santiago, a autora propón un espazo de encontro para compartir feridas, memoria e mochilas emocionais.

Que a levou a escribir Perder o norte?
Comecei a escribilo en Córdoba, na residencia para artistas novos da Fundación Gala. Estaba somerxida noutra novela e esta xurdiu como unha necesidade moi persoal para atravesar o loito pola perda dunha das miñas amigas da infancia. Foi algo feito de maneira bastante ritualística un ano despois da súa morte. Os primeiros capítulos de Perder o norte foron unha homenaxe.

Un modo moi persoal de atravesar a perda e de falar con ela e comigo mesma. A idea comezou en 2021 como un exercicio literario e creativo con esta idea de monólogo en honor á miña amiga. Despois, eses primeiros 28 actos quedaron nun caixón até que, despois de moitas revisións e engadidos, se foi convertendo nunha peza literaria diferente.

A viaxe articula a narración. Que achega a bicicleta ao enfoque do relato?
Para min a bicicleta é como unha das personaxes. É un obxecto case facilitador que permite ter un fío condutor. Ofrece o movemento que permite cambiar de escenario. Paréceme que é un obxecto de catarse no libro, unha conexión entre o mundo físico e o movemento en contraposición ás partes centradas no intelectualismo e na emocionalidade. Permite a transición entre o mundo emocional e o físico.

—Que papel xogan os encontros coas persoas que fan o Camiño nesta reconstrución emocional da protagonista?
Para min era importante utilizar o Camiño. Cando a xente decide facer o Camiño de Santiago sempre hai un obxectivo. Todo o mundo se encomenda ao Apóstolo ou ten unha intención que pode ou non ser relixiosa. Sempre hai un móbil. Eu fíxeno moitísimas veces na miña vida. Hai xentes de todas as partes do mundo, cada unha coas súas historias e motivacións, que logo se atopan en diferentes lugares e etapas, creando un espazo de compenetración e complicidade. É algo moi particular e a nivel literario ofrece moitísima riqueza. Por iso hai un xogo tanto espiritual como histórico e literario para min á hora de utilizar o Camiño de Santiago como un escenario máis do libro.

Como dialoga a paisaxe coa introspección dos personaxes?
Pode que non fose tan consciente disto á hora de escribir o libro, pero unha vez que se rematou, para min era moi importante decatarme desta contraposición entre o escenario fechado e pautado no que transcorren os actos e logo toda a paisaxe infinita do norte que transcorre na viaxe. Cando vai cambiando o escenario, tamén hai un proceso de cambio na protagonista. Ese cambio exterior digamos que axuda a cambiar a paisaxe interior.

—Que significou gañar o Premio Illa Nova con Perder o norte?
Este libro xurdiu dunha necesidade persoal e, a través dos anos, converteuse nun exercicio literario. A verdade é que cando recibín a nova, pilloume un pouco por sorpresa. Non o esperaba e quedei un pouco abraiada, porque é un libro moi íntimo e quizais non pensaba que tería esta acollida. No xurado destacaron que, aínda que sexa unha experiencia persoal, tócanse temas que poden ser experiencias universais. Estou sorprendida pero moi agradecida.