Estrea no Festival de Sevilla de 'Prefiro condenarme': Margarita Ledo leva ao cine a Antígona de Ferrol
Margarita Ledo estrea este sábado no Festival de Cine de Sevilla Prefiro condenarme, un filme que deita a mirada sobre o desexo como motor da emancipación. A historia dunha mariscadora de Ferrol xulgada por adulterio transfórmase nas súas mans nunha mestura de traxedia, manifesto e vindicación do goce dos corpos como resistencia ante a represión.
Unha historia de empoderamento feminino, mais tamén unha historia de amor protagonizada por aquelas que nunca se ven reflectidas nas historias do amor que enchen as fantasías románticas "das de arriba". A historia dunha muller que o que quere, precisamente, é ter os mesmos dereitos que "as de arriba", ás que ninguén nunca lles di nada.
Margarita Ledo presentou esta sexta feira —nun pase de prensa no Festival de Cine de Sevilla que precede á estrea oficial o sábado— Prefiro condenarme, un filme que segue as pegadas de Sagrario, unha mariscadora da ría de Ferrol que, en 1972, foi xulgada por adulterio. Sagrario decidiu renderse á forza do seu amor por un home que era "digno de querer" e, contra o que ditaminaban as normas e as leis da época, chegou mesmo a ter unha filla co seu amante.
Sorprendentemente, a súa procura de dignidade viuse recompensada: contra todo prognóstico, no medio dos crueis estertores da ditadura franquista, o Tribunal Eclesiástico de Compostela resolveu ao seu favor. "Precisamente iso foi o que me levou a interesarme polo caso e, en último termo, a facer a película", declara Margarita Ledo en conversa con Nós Diario. "Ese foi o detonante".
Dalgunha maneira, Prefiro condenarme continúa o discurso do anterior filme de Ledo, Nación, no sentido de que liga a loita feminista pola igualdade á loita de clases, pero cunha diferenza notábel. "En Nación, ese vínculo entre ambas as loitas plasmábase a través dunha acción colectiva. Aquí toma forma nun relato biográfico. E o realmente rechamante da historia de Sagrario e que podemos ver que o desexo opera nela como motor da loita pola igualdade. Fálase moi pouco dese elemento, dos dereitos afectivos, das razóns íntimas para a emancipación. É algo que seguimos sen resolver, por moito que repitamos o eslogan de que o persoal é político".
Clase, xénero, identidade
Igual que noutros filmes de Ledo, Prefiro condenarme apóiase nun material cinematográfico encontrado (found footage) que xoga un papel esencial na tarefa de "colocarnos" no ámbito da vida de Sagrario, de facernos entender a súa procedencia e o contexto no que desenvolveu a súa vida. Mais resulta realmente sorprendente a cantidade de imaxes atopadas que pertencen ao ámbito persoal e familiar, e iso tamén forma parte dunha historia por contar.
"É algo que caracteriza esa área concreta da ría de Ferrol, que foi moi castigada polos fascistas despois do golpe de Estado, fixeron verdadeiras carnicerías. E é unha zona na que, consecuentemente, a xente emigrou en masa. Foron aos Estados Unidos, maioritariamente, e cando volveron, traían os tomavistas que estaban de moda naquela altura, e filmaban a súa vida cotiá, o que pode entenderse como unha revancha: seguimos aquí. Son imaxes, por outra parte, valiosísimas, que desvelan moitos detalles sobre a vida cotiá, sobre o traballo e o lecer, da clase traballadora daquela zona. Os corpos das traballadoras e dos traballadores son corpos libres, corpos maltratados, mais que enchen os planos, que dominan a cámara e que son verdadeiros exemplos de sedución".
A emancipación feminina e a loita de clases teñen un reforzo, precisamente, na localización nese lugar, no feito de que Sagrario sexa unha mariscadora. Margarita Ledo desvela que "a profesión de mariscadora é algo que non existe máis que na Galiza". Iso explicaría a resiliencia non só da protagonista do seu filme, senón en xeral, da muller traballadora galega.
Mesmo cando se trata, como neste caso, dun flagrante caso de discriminación que, ademais, procede do corpo lexislativo dunha ditadura. "O adulterio era, naquela altura, un delito exclusivamente feminino, non se xulgaba aos homes por adulterio. Penalizábase a muller só por selo, e iso aínda tardou en cambiar mesmo cando morre o ditador e chega a democracia".
Ledo, de feito, recupera imaxes dunha reportaxe de Carmen Sarmiento para o programa da TVE Informe Semanal que segue unha protesta feminista en Catalunya, en 1976, e que non se emitiu até dous anos despois, en 1978.
"Estamos falando de Carmen Sarmiento, que xa naqueles anos era unha xornalista de prestixio. E de Informe semanal, que era un espazo que daba cabida a temas que non aparecían noutros informativos. Pero a loita pola emancipación das mulleres seguía silenciada incluso neses pequenos recunchos de liberdade".
Luz e escuridade
O filme da autora de Nación mostra esa discriminación, mais tamén un gozo vital que ilumina as vidas da clase traballadora, unha erótica que soborda os férreos marcos que se lle quere impor aos protagonistas. Prefiro condenarme está ateigado de pequenos detalles que reflicten a complexidade das vidas das traballadoras, apelando a referencias pictóricas e literarias que enriquecen o seu discurso.
"Si, o filme está composto a través dese contraste entre luz e escuridade, porque se ben é certo que hai unha traxedia dentro desta historia, tamén hai un goce do que non se debe prescindir, unha reivindicación do desexo como ferramenta de liberación".
E a solidariedade e a sororidade que reclama o filme despréndese da actuación das actrices que o protagonizan: Mónica de Nut emitindo un berro indómito que é un laio e tamén un desafogo; Mónica Camaño proporcionando o sosego da experiencia; Melania Cruz repetindo as palabras da Antígona de Sófocles como un xuízo a toda a sociedade; e Iria Pinheiro, metamorfoseándose nunha protagonista que nunca perde de vista que o seu dereito á vida está por riba de todas as calamidades.
"Si, unha das cousas que marcaron esta rodaxe foi a sintonía entre todas elas e con Sagrario. En canto a coñeceron aflorou unha complicidade e un entendemento que eu creo que simplificou o traballo en beneficio da película", apostila Margarita Ledo.
O 22 de novembro chega ás salas
Prefiro condenarme conta con guión de Margarita Ledo Andión e Eva Veiga; coa dirección de fotografía de Alberte Branco; a música de Carme Rodríguez; a montaxe de Clara G. Nieto; documentación de María Soliña Barreiro; a dirección de arte de Carme Triñanes; e a produción executiva de Olaia Ledo Díaz.
O elenco está formado por Sagrario Ribela Fra, Nardo Beceiro Ribela, Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Antón Lopo coa colaboración especial de Mónica de Nut e Zé Paredes.
A estrea en cines está prevista para o día 22.