Marcos da Portela: de voz popular a suxeito consciente
A historia da prensa en galego non comeza o 7 de febreiro de 1876, por máis que o éxito popular do Tío Marcos da Portela fixese esquecer os precedentes. Antes de que Valentín Lamas Carvajal convertese o seu labrego nun fenómeno editorial, Galiza xa coñecera polo menos dúas experiencias que empregaban o galego como lingua de comunicación pública e que escollían, significativamente, un camponés como figura titular: O Seor Pedro (1840) e O Vello do Pico Sagro (1860).
A traxectoria literaria da figura de Marcos da Portela atravesa máis dun século e tres momentos decisivos. Nace como voz popular no Coloquio de 24 gallegos rústicos de Frei Martín Sarmiento a mediados do XVIII; reaparece en 1862 como tipo etnográfico na serie Tipos gallegos de José Rodríguez Seoane; e finalmente convértese en personaxe viva, crítica e comprometida coa rexeneración da Galiza nos Parrafeos de Lamas Carvajal, publicados desde 1876 no xornal que leva o seu nome. A metamorfose de Marcos é tamén a metamorfose da propia Galiza: da resignación á consciencia, da caricatura á dignidade, do silencio á palabra. A súa evolución vai paralela á dun país que aprende a recoñecerse e a falar con voz propia; por iso, a súa historia xornalística é tamén unha historia cultural e política.
A primeira aparición documentada do nome Marcos da Portela remóntase ao Coloquio de 24 gallegos rústicos. Este texto pioneiro na defensa do galego articula unha conversa coral entre labregos de distintas comarcas, cada un portador dunha fala viva e dunha memoria territorial concreta. Entre eles figura Marcos da Portela, presentado como un home do Morrazo. Segundo Sarmiento, o personaxe está inspirado nun labrego real de Monteporreiro, a quen consideraba "o rústico máis advertido e gracioso" que coñecera; a tradición local identifica ese labrego co nome de Marcos Peralba, aínda que o apelido non aparece explicitado nas fontes conservadas. A súa intervención no Coloquio ábrese cunha frase que o sitúa de inmediato nun espazo recoñecíbel: "No chan que en Morrazo chaman os galegos chan de Parafita…".
O Marcos de Sarmiento non é unha caricatura nen un tipo fixo, senón unha voz individual que fala desde a experiencia e contribúe ao diálogo colectivo que estrutura o Coloquio. O ton é natural e espontáneo, sen artificios. A súa función non é exhibir defectos do pobo, senón encarnar a dignidade da fala popular que Sarmiento reivindica fronte ao desprezo castelanizante da época. A través del, o autor mostra que o galego é unha lingua apta para a expresión natural, para a descrición do territorio e para a comunicación entre iguais. Sarmiento non precisa convertelo en símbolo: abóndalle con deixalo falar. A súa presenza antecipa, en estado embrionario, o que un século despois será o Rexurdimento: a idea de que o pobo galego posúe unha voz propia que merece ser escoitada.
[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 7 de febreiro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]