O Marco recibe 2026 mostrando os seus propios fondos artísticos

Exposición dos fondos do Marco. (Foto: Marco)
Cáccamo e Caride reaparecen no museo vigués.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) aposta por despedir o ano e entrar no seguinte mostrando fondos propios. Así, até o 22 de febreiro a planta baixa acolle a Colección Marco, un conxunto de obras que, segundo a entidade, “teñen gran coherencia formal e conceptual, que presentan múltiples diálogos e conexións entre elas”.

Se o ano pasado, por estas datas, o Marco presentaba unha primeira exposición titulada Unha imaxe de si -con artistas como Yolanda Herranz (Barakaldo, 1957), Andrea Costas (Vigo, 1978) e Marta María Pérez (A Habana, 1959)- agora reúne dez novas adquisicións. 

Desta maneira, a nova proposta mostra, no primeiro patio, obras de Berta Cáccamo (Vigo, 1963-2018), Bosco Caride (Vigo, 1963), e Lluís Lleó (Barcelona, 1961). Na sala seguinte do museo (denominada Galería A1), expóñense pezas de Washington Barcala (Montevideo, 1920-1993), Sofía Madrigal (Segovia, 1954), Idoia Montón (Donosti, 1969), e Leopoldo Nóvoa (Pontevedra, 1919-París, 2012). Finalmente, a segunda galería está dedicada integramente ao artista portugués Jorge Martins (Lisboa, 1940). 

Alén da itinerancia

Na actualidade, o Marco produce entre seis e dez exposicións anuais, algunhas das cales itineran a outros espazos). Ademais das exposicións, desde o museo vigués anuncian que se duplicaron os fondos bibliográficos polo que a principios de 2026 se acometerá unha ampliación do espazo da biblioteca relanzándose, desta maneira, as publicacións e buscando facelas parte dos proxectos que implican a realización dunha exposición.