Novos títulos da colección Verdemar de álbums ilustrados

Mar quere peixes e non xoguetes

Ilustración para 'Quero peixe!' do islandés Áslaug Jónsdóttir. Imaxe: cedida.

Mar é islandesa e mar quere peixe. Non quere xoguetes, non quere roupa, quere peixe. Por algo naceu e vive nun país pesqueiro. A súa historia protagoniza o conto infantil ilustrado Quero peixe!, de Áslaug Jónsdóttir, orixinal de 2007 e agora publicado pola editorial Alvarellos en galego.

“A historia reflicte a frustración dunha nena cuxos pais non chegan a entender o que ela pide”, explica a nota editorial. Quero peixe! é, canda Había unha vez un neno, do australiano Dub Leffler, unha das novidades da colección Verdemar dedicada aos álbums ilustrados para crianzas.

“Unha historia conmovedora e universal sobre a amizade”, resume Alvarellos o volume de Leffler, quen explica o seu traballo así: “Escribín Había unha vez un neno para amosarlle a quen o lea que os nenos tamén teñen sentimentos -igual que as nenas- e que outras persoas tamén nos poden facer dano, e non pasa nada, sobre todo cando deixas que as amizades che boten unha man cando te sentes tristes”.

A última fornada de Verdemar complétaa A miña familia. 3+1=7, con texto da quebequesa Isha Bottin e ilustracións do belga Gaspard Talmasse. “Inspirado nunha historia real, este libro recolle as pequenas dificultades e grandes ledicias dunha familia un chisco diferente ás demais”, di a editora.