O mapa galego do tesouro Seoane
A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu que Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) protagonizase o quinto Día das Artes Galegas. Intelectual inconmensurábel e polifacético, exiliado, militante da esquerda e o nacionalismo, poeta e facedor de libros, deseñador e debuxante, a súa pintura situouno entre os máis avanzados artistas galegos do século e nun imbatíbel renovador da materia. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 340 de Sermos Galiza.
A institución coruñesa é unha das paraxes obrigadas nun hipotético mapa do tesouro Seoane na Galiza. Que ten o seu epicentro na mesma cidade, na fundación a nome do artista. Douscentos trinta e seis óleos, máis de 1.500 debuxos, un milleiro de gravados, deseños para carteis ou pasquíns e o seu inxente arquivo documental conforman os fondos. “Era un artista moi prolífico”, explica a Sermos Galiza a conservadora do centro, Carmela Montero, “pintaba, gravaba, deseñaba, escribía... Estaba todo o día traballando, aínda que Maruxa dicía que polas tardes paseaban e ían ao cinema. Pero para el iso tamén era traballar!”. Igual que unha viaxe nun comboio europeo inspiraba, anos despois, un óleo, ou o seu deambular urbano -Seoane flâneur- os fermosísimos Retratos furtivos, calquera elemento informaba o seu voraz apetito creativo.
Tan voraz que a súa obra, espallada sobre todo por dous continentes -América do Sur e Europa- dista de estar censada. Relutante a dar a cifra exacta, Montero apenas comunica unha provisional, a que manexa despois de “anos a contar”: “Arredor duns 800 óleos”.
Non é o depósito de maior entidade, pero si un de especial importancia simbólica. O Museo Carlos Maside, organismo fundamental do entramado Sargadelos e con sede no Castro (Sada), atópase hoxe nun limbo. Xosé Díaz, deseñador e fillo de Isaac Díaz Pardo, relata a este semanario que Seoane descansa no Castro: “Hai fundamentalmente obra de dous tipos, a bocetística, con deseños para as xerras cerámicas de Sargadelos, ou para murais e a piscina; e óleos da súa última etapa, algúns pintados alí mesmo”. A partir de 1963, Luís Seoane “inicia o seu regreso” a Galiza. Díaz Pardo era o anfitrión habitual e na residencia do Castro de Samoedo Seoane continuaba ampliando a súa proteica obra, figurativa, moderna e arraizada. O meco, Mirando a ría, Campesiño a cabalo, O sol, Homenaxe a Grimau, El jinete e Nada os perturba fan parte da obra abeirada no Maside.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 340 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]