Unha escolma do papel: Lugo é letras

Manuel María en Lugo, Lugo en Manuel María

A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi.

Ímonos referir brevemente á estadía e vinculación de Manuel María con Lugo e á presenza literaria da cidade murada na súa obra. Faise precisa unha advertencia prologal. Sendo a Terra Cha a súa tribo -como el gostaba de a chamar-, sendo Lugo cidade amada e celebrada por el, non habería nada máis falso -no noso xuízo- que adscreber o escritor a un perímetro local(ista) en virtude do cal a súa obra sería derivada telúrica de non se sabe que atributos xeolóxicos. Non hai tal. Manuel María é escritor galego no máis intenso e profundo sentido do termo. Por selo, coñeceu e amou todas as comarcas do noso país, que a súa memoria prodixiosa enchía e humanizaba, a partir da súa xeografía, coa radiografía precisa da súa arte, da súa historia, do viver das súas xentes. É isto incompatíbel co seu sentir chairego, co seu fondo cariño a Lugo? En absoluto. Por que, daquela, abrimos esta disquisición aparentemente sobrante ou contraditoria? Mesmamente porque, non por azar, na época de Manuel María, e tamén no presente, hai dúas identidades complementares que non ofenden esencia nengunha do dogma xurídico-político dominante: permítesenos ser dun lugar e enaltecelo como tal (a Terra reducida a terra, a nación galega como un locativo, unha aldea, vila, cidade ou provincia) e ao tempo impónsenos a única nacionalidade permitida, a española. No medio e medio, naufraga a nosa identidade real, a galega; por iso salientamos a radical galeguidade do autor. Porque é galego, é chairego ou é lucense; non ao revés.

 

Porque é galego, é chairego ou é lucense; non ao revés

 

Na súa infancia en Outeiro de Rei (que coincide coa agonía da ditadura primorriverista, o advenimento da II República, a guerra civil e a inmediata posguerra), Manuel María absorbe de primeira man a lingua galega e todo o universo laboral, social e cultural a ela vinculado. Ten a enorme fortuna de contar cun mestre filogalego que dedica as tardes dos sábados, na escola, a ler en voz alta e comentar textos poéticos galegos. A vocación do poeta aliméntase deste maná e revélase precoz nos primeiros versos escritos na adolescencia. No ano 1942 comeza o bacharelato en Lugo. En 1943, falece seu pai e fica baixo a tutoría dun tío, irmán daquel, o crego don José Fernández Núñez, párroco da igrexa de San Froilán e profesor de Filosofía, moi querido en Lugo pola súa bondade e sabedoría. Lugo vai ser desde entón a súa residencia habitual, até o traslado a Monforte de Lemos, como procurador de tribunais, no ano 1958.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Os seus anos de ensino medio en Lugo son tamén produtivos literariamente, pois conta coa comprensión e estímulo de Lázaro Montero, o profesor de literatura, que o pon en contacto con moitos poetas galegos e españois contemporáneos. Asiste á tertulia do café Méndez Núñez, da que son asiduos Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Ánxel Xohán…, e co mozo amigo Manuel Antonio Sopena funda, en 1949, a revista Xistral da que só darán editado dous números. A vocación e a semente xa estaban botadas.

 

Muiñeiro de brétemas, publicado na exacta metade do século,1950, e na colección ‘Benito Soto’ de Pontevedra, aluma xa sorprendentemente un poeta feito, arredor dun eu autorial d un eu lírico que procura os seus espellos e que anuncia significativamente itinerarios poéticos que acadarán o seu pleno desenvolvemento en libros posteriores (o desacougo persoal; a dignidade do mundo labrego; a fonda comuñón coa natureza…). No mes de Xuño deste ano, farto da seca e estéril vida universitaria (cursara 1º de Filosofía e Letras na universidade compostelana) e de como o saber académico podía facer detestar a literatura, volta a Lugo, onde resucitará a colección Xistral, con Ánxel Johán. No entanto, prosegue a súa dedicación poética. En 1952, publica Morrendo a cada intre, editado pola libraría “La Voz de la Verdad”, de Lugo. Advento merece o premio do “Centro Gallego” de Buenos Aires e nesta cidade será editado (1954). Retornado do servizo militar en Parga (onde o frío glacial do campamento atempérase coa amizade e comúns afáns literarios de Uxío Novoneyra, tamén quinto naquel centro) e mais en Santiago, retoma o fío da súa auténtica vocación: a literatura e, asemade, a súa divulgación (conferencias e programas de radio sobre poetas lucenses).

 

Terra Cha (1954), publicado na súa edición príncipe e na súa 3ª redacción por “Ediciones Celta” de Lugo, marca un ponto e á parte. Coñece tres edicións en 18 anos, é obxecto de innúmeras copias, dá a coñecer o autor en múltiplos recitais. É, en fin, o carnet de identidade definitivo do escritor.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

No ano 1955, a BBC de Londres dedica un programa monográfico a Advento. A escrita poética é incesante. Documentos personaes (no meu xuízo, un dos mellores libros do poeta deste período) aparece en 1958, de novo en “Ediciones Celta”. Neste mesmo ano, fixa a súa residencia en Monforte de Lemos, cidade en que exercerá como procurador. No 9 de Maio de 1959, casan Manuel María e Saleta Goi García, iniciando unha vida de amor, camaradaxe, entrega á causa patriótica galega e devoción mutua verdadeiramente singulares. A partir deste tempo, Lugo vai ser a cidade de visita frecuente -imprescindíbel no San Froilán, na compaña de Lois Diéguez e outras amizades de tantos anos-, a referencia (16 anos de vida) dunha adolescencia e mocidade e dun aprendizado iniciático que marcan a evolución do escritor futuro.

 

Terra Cha (1954), publicado por "Ediciones Celta" de Lugo, marca un ponto e á parte

 

Permítaseme concluír esta inxel evocación do Manuel María lugués cunha anécdota persoal. Eu admiraba o escritor antes de o coñecer persoalmente. Tal circunstancia tivo lugar no outono de 1975 cando, acompañando a meu pai, que alí tiña de ir por razón do seu traballo como representante de comercio, viaxei a Monforte de Lemos, pois sabía que nela vivía. No camiño eu ía entoando as virtudes de Manuel María. Meu pai calaba. Chegamos á libraría Xistral e sáenos ao encontro o escritor que o abraza con estas palabras: “Ciudadela [o nome do comercio de meu pai], que alegría velo por aquí!”. A miña petulancia xuvenil ficou ben escarmentada. Recén licenciada, debía de pensar que só eu sabía da obra ou da importancia do escritor. Curada da miña pretenciosidade, todo foi agasallo cordial. Naquel mesmo día, Manuel María amosoume a súa biblioteca e puxo nas miñas mans o exemplar d´A Nosa Terra de 1950 dedicado á memoria de Castelao e mais o discurso de Ánxel Fole de ingreso na RAG consagrado tamén ao grande galego. Desde aquela, e para sempre, Manuel María foi para min o queridísimo Manuel María, en calquer lugar do país, no saúdo de cada novo libro, nos 1º de ano en Monforte ou na Coruña. Longa vida ao exemplo, á obra e á radical galeguidade de Manuel María!

 

O poema que a seguir figura é o nº 8 de “Versos para entrar ou saír por cada unha das dez portas de Muralla Romana de Lugo”, dedicado a Camilo Gómez Torres e publicado (Poemas e Contos da Muralla) polo Concello de Lugo en 2001:

 

 

 

Esta peza apareceu no Sermos Galiza nº166, publicado a 8 de outubro de 2015. 

 

Nota: a imaxe inserida no meio do texto é de Xurxo Lobato