Manuel Gago descobre os deuses dos castros no proxecto transmedia “Vento e Chuvia”

Manuel Gago

O autor di que levaba vinte anos detrás do proxecto e iso xa lle dá solemnidade ao anuncio. Manuel Gago sorprende achegándose aos deuses dos castros no proxecto Vento e Chuvia. Un universo mítico que Gago descobre tras as pedras dos castros nun libro tras o que agroma un mundo “transmedia” para narrar a vida na Idade do Ferro. 

Reue Bandua, Nauia, Cossue, Lugoue, Berobreos, Poemana, Bormanico... nomes novos que protagonizan as historias de Vento e Chuvia (Xerais) un proxecto no que o autor leva traballando dúas décadas mais que só agora se desvela, da man dun dos maiores divulgadores da nosa historia. O autor domina con igual paixón o pasado e as novas tecnoloxías e con esas materias constrúe o novo proxecto que procura a vida e os mitos da Idade do Ferro achegados a un público que vive no tempo dixital. 

“Quero buscar a eses homes e mulleres, a eses pais e fillos, a eses nenos que un día encheron e que hoxe son espazos baleiros sobre os que aboian turistas e curiosos”, sinala Gago no seu blogue "capítulo 0", no post no que presenta o proxecto e nos remite a súa páxina web, o espazo virtual propio no que alén de materiais achéganos a un proxecto máis amplo no que inclúe desde obradoiros até unha tenda con produtos creados cos deuses dos castros como protagonistas. 

Unha mitoloxía propia, coas casas redondas como hábitat e a Idade de Ferro como o tempo reconstruído da man tamén de Manel Cráneo que lle pon imaxe aos protagonistas. “Dez prodixiosos deuses que poboaron os mitos da antiga Gallaecia cobran vida nun universo con alicerces n

os últimos descubrimentos da arqueoloxía e das ciencias do pasado pero sobre o que voa ceibe a imaxinación e a fantasía, enchendo con soños os ocos baleiros da ciencia”, explica do agardado proxecto que se presentará na igrexa da Universidade de Santiago o próximo día 30 de outubro ás 20 horas. 

Deuses no escenario

Quico Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González participarán neste estrea de “Vento e Chuvia”. Será a primeira vez que este novo mundo de deuses se presente mais adianta, sen dúbida, unha maré nova de difusión á maneira de Gago, sen dúbida todo un fenómeno á hora de comunicar á historia como ten demostrado en proxectos anteriores. Entre as estratexias de difusión, Gago adianta un contacto directo con lectores e lectoras, que accederán mediante un código inscrito no libro a contidos pechados.  Bocetos, maging of, facsímiles dos manuscritos, roteiros familiares dos escenarios do libro... constitúen o amplo e elaborado proxecto no que Gago empregou todas as ferramentas que manexa nos seus traballos de difusión do noso patromonio. 

Obradoiros sobre a Idade de Ferro para o ensino, un espectáculo teatral, merchandising cos deuses... todo un novo mundo que avanza Manuel Gago e que aos poucos se irán poñendo en circulación no seu “concepto transmedia” que descubrirá un novo universo fantástico, o dos deuses que poboaban as casas redondas dos castros.