Mª Xosé Bravo: "O PP despreza a cultura e incrementa o gasto en festas"

A concelleira da Coruña, Mª Xosé Bravo, vén de denunciar o desmantelamento da cultura que está a facer o goberno municipal. Preside a Comisión de Cultura do BNG e na anterior corporación foi concelleira de cultura cunha xestión que, segundo defende, é antagónica do que agora fai un Partido Popular que elimina o tecido cultural e só ve á cidadanía como espectadores pasivos. O que acontece co programa de festas é unha mostra do seu desprezo da cultura galega.

-Vostede vén de denunciar a desfeita da cultura na Coruña. Que desmantela o PP?

Todo tipo de cultura de base, programas sólidos e mesmo a estrutura e o tecido cultural da cidade. Estamos diante dun xeito de facer cultura distinto, afastado da cidadanía. A Coruña é unha cidade que de xeito histórico foi creadora de cultura. Aquí temos a El Eco, a coral máis antiga do Estado así como a primeira fundación de carácter cultural que é a da Biblioteca da Casa do Consulado. A importancia das nosas corais é espectacular, con elas dábase a coñecer a nosa literatura, así se explica, por exemplo, o recoñecemento popular da poesía de Curros. Estamos, pois, nunha cidade que quere ser creadora e non espectadora. O BNG no goberno municipal o que fixo foi estar cos que facían cultura, impulsando, acompañando, facilitando, contribuíndo ao seu desenvolvemento e coa idea de que a cidadanía fose a destinataria directa. Todo isto rematou, poñen fin aos programas xestionados polo propio tecido cultural da cidade.

-Tamén se resinte o tecido industrial da cidade, as pequenas empresas de cultura?

O momento, como ben sabemos, é moi difícil para as pequenas empresas culturais e na xestión do anterior goberno municipal queriamos promover tamén este aspecto da cultura, o desenvolvemento dun tecido empresarial de pequenas empresas de xestión e produción. Todo iso rematou. Agora vemos como se concentra a contratación e se fai con empresas de fóra da Galiza cando que hai moitas que o poden realizar desde aquí. Desapareceron tamén os convenios con determinadas asociacións e, a cambio, incrementan o orzamento de festas. Fan crer a cidadanía que se trata dunha consecuencia da crise mais non é certo. Están a pór en perigo o sector cultural.

-Vostedes criticaron, nese sentido, o que aconteceu na noite de San Xoán e a celebración do Dia do Orgullo Gai.

Puxéronse á vista, con claridade, os dous modelos de xestión cultural. O PP optou polo espectáculo, contratando a unha estrela de fóra e gastando 100.000 euros máis en espectáculos co que quedou apagada a reivindicación do día e tampouco se promoveu a festa popular, a noite de San Xoán, que é un grande atractivo turístico e cultural.

-En cambio, en festas semella que non hai aforro.

O PP di que gasta sobre 1.500.000 € pero nós calculamos que é máis. Confunden cultura con espectáculo. Nos tempos que estamos a vivir, mesmo resulta obsceno facer ese gasto en festas.

-Diante dese orzamento, cando falamos dos programas desaparecidos, a canto nos estamos referindo?

Poño por caso, Iberojazz tiña un orzamento inferior a 15.000 € pero o problema non son os cartos porque a eles lle sobraron 914.000 euros dos orzamentos do 2011 e este luns pasado acaban de aprobar un modificativo para lle daren 500.000 máis a festas, é dicir, medio millón máis aínda que o ano pasado, cunha situación económica moito máis difícil. En cambio, no mesmo modificativo báixanse 40.000 € para o apoio á vivenda para persoas que viven en asentamentos precarios. Ninguén pode falar neste caso nin de austeridade nin de aforro. Cando eliminaron o Achegarte non é por aforrar estamos diante dunha minusvalorización da cultura.

-O caso de Manicómicos é tamén singular, un colectivo de artistas da cidade que denuncia que o concello lle dá as costas.

Trátase dunha asociación cultura formada por compañías pequenas e artistas. Trátase da creación dun lugar de encontro, mesmo cun espazo físico xa que contan con local na cidade. Agrupa a máis de 60 artistas e facían dous festivais ao ano, o de verán chegaría agora a súa decimocerteira edición. Facían, asemade, un traballo fundamental que era traer grupos de fóra e facilitaren que os galegos fosen convidados a outros festivais, unha
xestión que resulta difícil desde as institucións. Contribuían, pois, a que a cultura que se fai na cidade puidera ter proxección exterior.

-Con que apoio contaban do Concello?

20.000 € no festival de inverno e 15.000 no de verán, No de verán promovían uns 40 espectáculos durante unha semana co cal daban moitísima vida á cidade. Negan esta pequena axuda cando, como dicía, gastan como mínimo 1.500.000 euros en festas. Asemade, os propios Manicómicos denunciaron que lle presentaron achegas que logo o goberno municipal recolleu sen contar con eles, un despropósito pouco apropiado para unha institución. A cuestión non é de cartos, estamos a vivir un absoluto desprezo da cultura galega alén da súa ignorancia. Entre outras cousas, descoñecen o que
Manicómicos estaban a facer até agora.

-E a eliminación da Mostra Cine e Ciencia?

Tratábase dun festival único, arredor dun tema concreto no que a Coruña se estaba a converter en referente. Estreáronse títulos de primeiro nivel de filmes de ámbito científico e pola cidade pasaron os principais directores como Barbara Hammer, Lucien Castaing-Taylor, Ilisa Barbash ou Bill Morrison. Tamén puxeron fin ao World Press Photo que puña o foco de todo o Estado na cidade xa que era o primeiro lugar no que se estreaba esta mostra que é a cita máis relevante do fotoxornalismo mundial, e acabaron co festival Empape que fixera da Coruña un dos puntos da rede Cidades que Danzan, sen, por outra parte, darlle alternativa.

-A cultura chega aos barrios?

Desapareceu case completamente. Nós faciamos moita programación, en especial, dedicada aos máis pequenos mais iso rematou. Non teñen interese en contaren coas asociacións e os colectivos sociais. As prácticas que están a desenvolver son antidemocráticas. Están a presentaren candidaturas ás asociacións de veciños e, veciñas cando perden, montan outra para tentar neutralizar o traballo do movemento veciñal.

-Con respecto á lingua? O que aconteceu co programa de festas editado en español provocou numerosas protestas.

E está sen corrixir! Publicaron un despregábel que si está agora nas dúas linguas mais teñen un programa de 160 páxinas –un luxo de edición para quen fala de aforro!- das que só hai presenza da nosa lingua en 7. Só empregan galego se a compañía é de aquí mais, poño por caso, hai unha actividade coa AELG en San Amaro e mesmo esa páxina está en español. Manifestan unha constante falta de respecto á nosa lingua e aos que falamos e queremos vivir en galego. No anterior goberno municipal creamos unha base de datos legalizada para enviarmos información cultural á cidadanía, máis de 4.000 recibíana en galego e 8 en español porque así o solicitaran. Eles decidiron facer o envío a todo o mundo en español, así fan a ocultación da nosa cultura e da nosa lingua.