CONTRACULTURA

Luís Antonio Cortiñas: "No poemario reivindico a visión da poesía de liberdade, verdade e compromiso cos demais"

O escritor monfortino Luís Antonio Cortiñas Rodríguez. (Foto: Nós Diario)

Luís Antonio Cortiñas Rodríguez (Monforte de Lemos, 1962), baixo o seudónimo de Luís Colder, vén de facerse co XIV Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía. O poemario premiado, Caput Mortuum, explora desde unha arquitectura complexa as angueiras da existencia sen perder de vista a sensibilidade coa lírica do social.

—Que significa para vostede gañar o Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía?
Estou encantado da vida. Non son unha persoa que se presente habitualmente a certames literarios e teño unha visión crítica dalgúns deles. Este gústame especialmente pola figura de Manuel Lueiro Rey, que representa un comportamento cívico e social do escritor co que me sinto moi próximo.

—Cales son os temas e as preocupacións que atravesan Caput Mortuum?
Como moitos libros de poesía, xira arredor do paso do tempo, do amor, da morte e da reflexión sobre a linguaxe na que está escrito. Está dividido en dúas partes e arrinca cun limiar tomado do Diario Oficial da Galiza (DOG): unha resolución sobre a descatalogación dunha árbore e a inclusión da Carballeira de Baio dentro do Catálogo de Árbores Senlleiras da Galiza. Ese contraste entre vida e morte foi o punto de partida.

O poemario pensa no corpo —erótico e vulnerábel—, na linguaxe, no tempo, na ecoloxía e na política, cunha tensión constante entre desexo e ferida. A árbore e a madeira funcionan como metáforas da ecoloxía e hai unha crítica á lóxica extractivista que vivimos a diario, con exemplos como Ence ou Altri. Tamén aborda a precariedade xeracional e a saturación informativa e da linguaxe.

—Como dialogan a exploración existencial e a lírica do social neste poemario?
De maneira natural, non é algo deliberado. O 'eu' lírico móvese con autonomía. Hai referencias concretas e tamén unha reflexión filosófica e cultural sobre elas. O poeta tamén debe estar conectado coa realidade, ser permeábel e, dalgún modo, avisador do que sucede. Hoxe pasan demasiadas cousas que non deberían. O social debe estar presente en toda boa poesía, non como consigna, senón como algo real. Reivindico a visión da poesía de liberdade, de verdade e de compromiso cos demais.

—Que papel xogan a materia e a idea de 'resto' na escrita do libro?
O título remite ao pigmento alquímico que queda como residuo tras o lume, cando se busca transmutar o impuro en puro. Esa idea do resto percorre o libro. A contraposición do limiar organiza os dous movementos do poemario: Eros e Tánatos, sombra e lume, memoria e perda. Ao final inclúo unha nota de autoría en forma de lista de ingredientes mesturados con outros conceptos que xa non entran dentro desa química. É unha declaración de intencións, a poesía como mestura química e histórica e o Caput Mortuum como fórmula; o resto que queda despois, e o resto que queda é o poema. Un residuo cargado de enerxía e de rebeldía.

—Que lle gustaría provocar nas persoas que lean Caput Mortuum?
Gustaríame que tomasen conciencia da importancia da linguaxe. Desde algúns medios e desde o poder dixital de Silicon Valley estanse a baleirar as palabras do seu significado. Gustaríame que se desen de conta de que secuestrar un presidente dun país non é "extraer" un presidente, é secuestralo. Que se desen de conta de que precarizar non é reformar. Que volvesen ter en conta a esencia da linguaxe e a esencia do significado das palabras que, en certo sentido, é darse de conta do significado da propia vida.