Lugo homenaxea Darío Xohán Cabana cun roteiro poético

Nieves Neira e Xerardo Quintiá recitando, esta sexta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
As rúas da cidade acolleron esta sexta feira unha lectura dos seus poemas.

Lugo acolleu esta sexta feira un paseo literario pola cidade en homenaxe ao poeta Darío Xohán Cabana. Coincidindo coa reedición do libro A Fraga Amurallada por parte do Servizo de Publicacións da área de Cultura da Deputación de Lugo e baixo o título 'Unha volta con Darío pola fraga amurallada', un roteiro no que persoas do ámbito da cultura e amizades do autor declamaron algúns dos poemas que dedicou á cidade.

A actividade, que deu inicio nas escaleiras da Porta Falsa, na Praza de Ferrol, foi conducida por Lois Pérez. Nese mesmo punto, Brais García recitou o poema 'Pola Ponte Romai brincan os nenos'. O paseo proseguiu por algúns puntos moi transcorridos da cidade, como a Porta da estación, a Praza do Cantiño, o Campo Castelo ou a Catedral.

Na actividade participaron importantes figuras da cultura luguesa como Uxía Calviño, Area López, Xoán Cuba, Xosé Miranda, Xerardo Quintiá, Nieves Neira, Xulio Valcárcel, Esmeralda Quiroga, Lupe Bao ou Marica Campo. O acto parou nalgunhas rúas da cidade para os escoitar os versos do poeta na voz de Alexandra Cabana.