Luar na Lubre e Xabier Díaz encabezan a delegación galega en Lorient

Imaxe de Luar na Lubre, coas novas incorporacións: a cantora Belém Tajes e a violinista Antía Ameixeiras.


A delegación galega no Festival Intercéltico de Lorient (An Orient, en bretón) está conformada por arredor de 150 músicos e bailadores.

Cento cincuenta galegos e galegas que tocarán e bailarán nun festival con máis de 4.500 artistas que terá lugar do 4 ao 13 de agosto, que acollerá 120 espectáculos e máis de 700.000 visitantes (100.000 de pagamento).

 

Entre a delegación galega poderemos atopar a Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre o domingo 6; tamén TRIM, o trío instrumental formado por Fernando Barroso, Pedro Fariñas e Luís Peixoto; e Luar na Lubre actuará a noite do día 9 dentro da súa xira de 30 aniversario. Tamén estará o grupo de baile compostelán Cantigas e Agarimos; a Banda de Gaitas Ximiela de Louro (Muros); ademais de Pablo Seoane e Marcos Rodríguez, de Erixúa.

 

Ademais, oTrofeo MacCrimmon de gaita peninsular contará coa presenza de catro representantes galegos que chegan logo dunha selección feita en abril no concello de Teo. Serán Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Rafael Carracedo e Raquel Vilas.

 

Xacarandaina en Gannat

 

Outro dos grandes grupos de baile e música tradicional galega, os coruñeses Xacarandaina, veñen de rematar o seu periplo por Francia, onde participaron no Festival Les Cultures du Monde de Gannat.