O Museo do Pobo Galego pon en valor a cerámica de Bamio
O Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, inaugurou onte a exposición Louza de Bamio, mulleres e territorio, que ofrece oportunidade de comprobar a importancia da produción de cerámica tradicional na parroquia de Bamio, en Vilagarcía de Arousa. A mostra, que poderá visitarse até o 2 de febreiro, pon o foco nun patrimonio histórico que, a pesar do seu valor, segue sendo pouco coñecido.
A mostra estrutúrase en seis paneis informativos e presenta tamén unha selección de pezas de cerámica. Parte delas foron recuperadas no marco do proxecto Louceir@s, desenvolvido pola Asociación de Mulleres Rurais de Bamio en colaboración coa Universidade de Vigo. Outras pezas proceden dos fondos do propio Museo do Pobo Galego, grazas á labor de Luciano García Alén e a súa muller, recoñecidos polo seu traballo de recompilación e estudo da cultura galega.
O Concello de Vilagarcía leva anos apoiando o proxecto Louceir@s, que busca estudar e difundir a tradición oleira de Bamio. En 2024, esta colaboración materializouse no patrocinio do conto infantil María e a roda que non para, unha obra que introduce ás novas xeracións na historia da produción de cerámica na zona.
Aínda que non se trata dunha exposición moi ampla en canto a número de obxectos, Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo, subliñou que ten un gran valor simbólico. Por unha parte, permite poñer en valor a louza tradicional de Bamio; por outra, reflicte a importancia de implicar ás comunidades locais na conservación do seu patrimonio.
"A exposición nace do interese das mulleres do lugar pola súa louza, nace da xente, que é transmisora dos saberes". Este proxecto demostra como a comunidade local pode ser a protagonista na preservación e divulgación do seu propio legado cultural, sinalou.