A declaración de herdeiros de Castelao, atopada nun xulgado, é entregada ao Arquivo Histórico de Pontevedra
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra fixo entrega esta quinta feira ao Arquivo Histórico Provincial do expediente de declaración de herdeiros de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un documento de 1972 que permanecía arquivado nas dependencias xudiciais e que foi localizado recentemente por un funcionario durante un proceso de reordenación de fondos.
O expediente, que inclúe un auto con data do 27 de abril de 1972, recoñece como únicas herdeiras do autor do Sempre en Galiza as súas dúas irmás, dado que Castelao faleceu en Bos Aires en 1950 sen testamento e que a súa viúva morrera en 1969, o que fixo cesar a denominada "cota viuval". As familiares presentaran a demanda no xulgado de Pontevedra, cidade na que o rianxeiro residira entre 1916 e 1936, antes do seu exilio.
A documentación, de notorio valor histórico e cultural, foi posta en coñecemento do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e do propio Arquivo Histórico, que destacou a relevancia do achado. A Sala de Goberno do TSXG acordou o pasado 3 de outubro celebrar un acto solemne de entrega, no que participaron esta quinta feira o maxistrado Julio César Díaz Casales, a letrada da Administración de Xustiza Adriana Álvarez Gorgojo, o funcionario Pablo López, descubridor do expediente, e a directora do Arquivo, Carmen Luisa Corgo Solleiro.
O traslado dos documentos ao arquivo provincial, segundo o acordo gobernativo do xulgado, garante a súa conservación e accesibilidade para a investigación, sumándose aos fondos históricos xudiciais de Pontevedra que xa custodia esta institución. O achado, subliñaron desde o TSXG, ten un "notorio interese histórico, social e cultural".