Literatura que indaga na outra cara da sociedade
Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, o último libro narrativo de Manuel Rivas, estende os territorios narrativos de Todo é silencio e indaga no narcotráfico. Mais Rivas é apenas o último da serie de autores que se asomaron ao fenómeno. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 321 de Sermos Galiza.
Estes territorios xa os explorara Rivas (A Coruña, 1957) en Todo é silencio (2011). Ou, dun ángulo diferente, nos Comedores de patacas (1991), segundo lembra a profesora e crítica Dolores Vilavedra (Vigo, 1963), para quen a aproximación de Rivas encaixa no que denomina “estilización literaria” do fenómeno. “Nos Comedores de patacas (1991) fala máis das consecuencias sociais da drogodependencia”, explica a Sermos Galiza, “pero en Todo é silencio xa entra de cheo, como nos últimos relatos”. A este procesado literario que define como “estilización” adscribe tamén a Diego Ameixeiras, cuxo Todo OK (2012) é a máis próxima a este universo das súas novelas. Noutras, como na Crueldade de abril (2018) ou Conduce rápido (2014), o narco aparece de maneira máis tanxencial.
“Se cadra os escritores non nos achegamos todo o que deberiamos ao narcotráfico porque a nosa literatura non está afeita a tratar materiais do presente”, afirma o propio Ameixeiras (Lausana, Suíza, 1976), “ao cabo, trátase dunha historia incómoda deste país. E ten moitos grises, non serve unha ollada maniquea”. Para o autor de novela negra, as de Aníbal C. Malvar (A Coruña, 1964) son aínda as obras de referencia. Á de mosca (1998), un traballador noir, non temía asomarse ao tráfico de cocaína e a algúns dos seus capos asentados no Salnés.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 321 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]