O líder de Def Con Dos aumenta a listaxe de músicos xulgados por “enaltecemento do terrorismo”
César Strawberry sentará no banco dos acusados por seis comentarios en Twitter e un rechío. Grupos e cantantes que tiveron que comparecer perante a xustiza polas súas letras e/ou opinións habelos, hainos: De Javier Krahe e Albert Pla a Negu Gorriak ou SA , entre outros.
A Audiencia Nacional vén de correxir o xuíz De la Mata e ordenar que o cantante de Def Con Dos, César Strawberry, sente no banco dos acusados para ser xulgado por “enaltecemento do terrorismo” e “vexación ás vítimas” a raíz de 6 comentarios en twitter e un rechío. A Sala do Penal descarta a apelación á liberdade de expresión. O propio servizo anti-terriorista da Garda Civil foi quen peneirou e seleccionou as mensaxes nas redes sociais que levan ao banco dos acusados a Strawberry.
Non é o 'frontman' do grupo de rap-metal o primeiro músico que vai dar diante da xustiza polas súas opinións ou letras. No Estado español hai precedentes de abondo. Repasemos algúns deles.
En abril do 2014 a Audiencia Nacional condenaba a dous anos de prisión o rapeiro Pablo Hasél por “enaltecemento do terrorismo” na letras dunhda das súas cancións. O Supremo confirmaba a condena en marzo do presente ano.
Pola Audiencia Nacional tamén pasou o grupo vasco SA (Soziedad Alkólika), que foi xulgado tamén por “enaltecemento do terrorismo” polas letras de cancións como 'Explota zerdo'. O tribunal absolveu en 2006 o conxunto de Gasteiz por entender que non había apoloxía de ETA, mais di que a letra da canción en cuestión está á beira “do tipo penal de enaltecemento”.
Galindo VS Negu Gorriak
En 1993 Rodríguez Galindo, daquela teniente-coronel da Garda Civil, demandaba o grupo vasco Negu Gorriak por un delito de danos á súa honra e difamación. A demanda respondía ao tema 'Usterlkeria' (podredume), no que se falaba das relacións deste militar co narco-tráfico, en base a informacións saídas en varios medios (Egin, Diario 16, Egunkaria). Galindo pedía 90.000 euros e que esa canción non poidese nunca interpretarse ao vivo. No 2000 o Tribunal Superior abolvía Negu Gorriak, que celebrou a boa nova con 3 concertos de despedida: un en Baiona (4.000 persoas) e outros 2 en Donostia (13.000 persoas). Galindo foi condenado posteriormente a 75 anos de cárcere polo caso so secuestro, tortura e asasinato de Lasa e Zabala, 2 refuxiados vascos.
Krahe, Albert Pla e “matar a todos os de Podemos”
En 2012 o xulgado absolvía Javier Krahe dun delito contra sentementos relixiosos a raíz dun vídeo gravado en 1997 e emitido en 2004, “cociñar Cristo para dúas persoas”. Entre os denunciantes, responsábeis do Centro de Estudios Jurídicos Tomás Moro.
En setembro deste ano a Audiencia de Valencia absolvía o cantautor catalán Albert Pla dunha falta de ameazas por dicir que “mataría a todos os de Podemos e platafirmas cidadás” aproveitando “que agora aínda non teñen cargacostas”.