A libraría Cartabón de Vigo recibe o galardón Editio
A Asociación Galega de Editoras (AGE) celebrou esta cuarta feira o Día da Edición. Co obxectivo de converter a data nunha tradición, a asociación creou este ano o Premio Editio. Un galardón que recae nunha entidade, empresa ou persoas que, a xuízo da Xunta Directiva da AGE, se distingue pola promoción, a defensa da cultura e a propiedade intelectual do mundo do libro galego en particular.
No acto de entrega a asociación reuniu representantes institucionais, do sector do libro e das editoras asociadas á AGE. A libraría Cartabón de Vigo foi a primeira entidade na que recaeu este premio, cun trofeo deseñado polo artista Pepe Barro, ao ser considerada polo xurado como un referente na promoción da literatura e do libro galego, e que neste 2025 vén de celebrar o seu 40 aniversario da súa apertura .
A Asociación Galega de Editoras foi fundada en 1983 ante a falta dun organismo na Galiza que defendera as editoriais galegas, sinalan. A súa finalidade é a xestión e a defensa dos intereses comúns das editoras asociadas a AGE e a promoción e difusión do libro galegos. Entres os obxectivos principias da asociación están o recoñecemento e concreción do sector estratéxico por parte das administracións, a profesionalidade gremial con estratexias de cooperación intersectorial, novas vías de financiamento, formación e estratexias comunicativas; o incremento da dotación pública de libros galegos na Rede Bibliotecaria Pública Galega, e a concreción da débeda histórica das administracións ao libro galego.
A libraría Cartabón
A libaría Cartabón, que naceu o 24 de xullo de 1984, é un emblema da resistencia cultural galega en Vigo, decatando por ter un gran fondo de libros en galego. Cartabón é un símbolo no espazo cultural e literario galego que foi capaz de resistir ao longo das décadas, entregada ao libro en galego e cunha verdadeira paixón pola profesión. Nos seus inicios, os seus donos Maribel Tato Sánchez e Gonzalo Pérez, abriron as súas portas como unha papelería escolar, que foi evolucionando cara un modelo dunha libraría cultural especializa na literatura galega loitando así pola promoción constante da lingua galega, transformándose nun espazo cultural multiusos que acolle presentacións de libros, conferencias e encontros cívicos e sociais.