Compostela inaugura o festival Alguén que respira!

Samer Abu Hawwash e Mohamad Bitari, onte en Compostela. (Foto: Arxina)
Xosé María Álvarez Cáccamo leu o Manifesto do Día da Poesía.

Esta quinta feira, 20 de abril, inaugurouse en Compostela o festival de poesía Alguén que respira!, coa lectura, a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo, do manifesto do Día Mundial da Poesía.

A lectura do manifesto deu paso á sección de O que mutuos somos -que se achega á obra de poetas que conviven con poetas, nun programa específico do festival onde a poesía e a vida están baixo o mesmo teito- inaugurada por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco.

Posteriormente, tivo lugar o primeiro recital de Poesía para corpo principal, con Samer Abu Hawwash, Toni Juncosa, Juanpe Sánchez López, Nieves Neira Roca e a prestixiosa Ailbhe ní Ghearbhuigh, unha das principais voces da poesía irlandesa contemporánea.

O programa, porén, comezou ás doce do mediodía coa sección Cita no ambigú (Un café, unha conversa, moitas ideas), un faladoiro que se celebra todas as mañás do festival como espazo de reflexión e convivencia. Esta quinta feira estiveron no ambigú do Teatro Principal Samer Abu Hawwash e Mohamad Bitari. Os dous poetas comparten o feito de teren nacido no exilio -os campos palestinos de Siria- e viviren exiliados en Barcelona. Admíranse mutuamente e Bitari traduciu a Samer ao catalán. No Respira! reflexionaron conxuntamente sobre como se vive a escrita poética desde o exilio.

En total, son máis de corenta poetas, músicos e performers os que participan no Alguén que respira!, que desenvolverá no Teatro Principal de Compostela até o sábado próximo a súa oitava edición.

Na sexta, o programa continúa cunha charla, nas Citas no ambigú sobre a xeración dos Neos, representada por Chus Nogueira, Lara Dopazo, Berta Dávila e Ismael Ramos; o encontro entre Alicia Fernández e Eduard Velasco en O que mutuos somos; un recital a cargo de Berta Dávila, Lara Dopazo, Ismael Ramos e Gonzalo Hermo; e un encontro con Mario Montalbetti.