mércores 19/01/22
Entrevista

Gonzalo Hermo: "De non ter atopado un marco espacial e temporal, seguiría sendo só poeta"

Diario dun enterro é exactamente iso. Un relato, coa coiraza sempre ben medida da realidade que xoga á autoficción, do retorno de Xacobe á casa familiar de Eiradona após a morte do avó. A "sinxeleza estrutural" e un "estilo depurado", segundo detacaba o xurado, valéronlle a Gonzalo Hermo o premio Repsol de Narrativa Breve.
2020021417360917336
O escritor Gonzalo Hermo.

Xacobe, o protagonista, presenta trazos biográficos que apuntan cara a Gonzalo Hermo: poeta e editor, vive en Barcelona... Estamos ante unha autoficción?

Na lapela do libro o editor indicou que é unha "ficción persoal". A min o termo de autoficción non me interesa, porque si que hai un proceso claro de recoñecemento entre narrador e autor, que a novela non agocha. De feito, a autoficción proponse como un xogo entre autor e lector no cal o primeiro consegue que funcione se o segundo o toma como autobiográfico. E iso está acontecendo, todo o mundo me pregunta por cousas que lle pasaron a Xacobe que en realidade son ficcionais. Nese senso estou bastante contento porque creo que o autoficcional está funcionando ben.

A autoficción proponse como un xogo entre autor e lector no cal o primeiro consegue que funcione se o segundo o toma como autobiográfico. E iso está acontecendo

Con todo, hai unha parte real importante na ficción?

Sempre digo que a novela se construíu con elementos de tres fontes. Unha é autobiográfica, experimentada por min mesmo. Hai outra baseada en situacións que ao mellor eu vivín a través de terceiras persoas ou que alguén me contou, mentres outros aspectos son puramente ficcionais. O que procuraba na novela era conseguir que esas tres fontes estivesen mesturadas de maneira que funcionasen como unha historia en si mesma. Non me interesaba tanto escribir unha experiencia propia como que a novela funcionase en si mesma como obra de ficción. 

Aínda que os poemarios parten dunha experiencia biográfica moi forte, a poesía tende a abstracción. No caso desta narrativa, acontece ao contrario, todo parece moi identificábel. Dá vertixe espirse desa maneira?

O certo é que non me sinto moi espido. Sei que se está lendo así e para min é marabilloso porque implica que o xogo autoficcional que propoñía funciona. Pero eu non me sinto nu porque non son Xacobe, é algo que teño moi claro. Agora ben, que se lea nesa clave dálle unha dimensión interesante á novela.

Non me interesaba tanto escribir unha experiencia propia como que a novela funcionase en si mesma como obra de ficción

No final, perfílase a orixe do libro como que o Xacobe-autor vai escribir algo arredor da vivencia do enterro. Nunha entrevista, vostede dicía ser "un narrador frustrado". Por que se decantou pola prosa?

Levo desde moi longo intentando escribir narrativa de maneira paralela á poesía. Contra o que moita xente propón arredor da inexistencia dos xéneros, eu creo neles e penso que ofrecen a posibilidade dunha comunicación literaria diferente (refírome á poesía e á prosa). Sempre os quixen aproveitar, o que acontece é que no caso da narrativa nunca encontrei o marco. Faltábame achar unhas coordenadas temporais e espaciais nas que situar os temas dos que quería falar. Se conseguín escribir esta novela foi porque as atopei: unha fin de semana, practicamente longa, e un enterro. Se non dese con ese marco, seguramente seguiría sendo só poeta. Esa é a chave. 

O protagonista confesar ter escrito o seu último poemario por diñeiro, para presentalo a un premio. Hai tamén aí unha identificación persoal?

Non, nunca escribín un libro de poesía por cartos e paréceme un pouco iluso querer gañar diñeiro a través da poesía, por desgraza. O que se presenta aí é unha reivindicación, que parte do autor, de que o emprego literario e cultural ten que ter unha compensación económica, precisamente porque é un traballo. Ás veces parece que as persoas que nos dedicamos á cultura vivimos do aire e non é así. Penso que o  modelo neste eido mudou nos últimos anos. A xente da miña xeración ten moi claro que quere ser profesional. Outra cousa é que as condicións do sistema nolo permitan.

Levo desde moi longo intentando escribir narrativa de maneira paralela á poesía

Cal considera que é o sentimento principal que atravesa Diario dun enterro?

Penso que é unha certa estrañeza. O protagonista está moi marcado polo feito de vivir en dúas realidades que son moi diferentes. Ademais, hai unha certa sensación de estranxeiría en relación á familia, porque non acepta o rol que se lle asigna dentro dela. Isto concíliase, paradoxalmente, con certo sentido do humor ou necesidade de desdramatizar as situacións. 

A xentrificación e a emigración aparecen como pano de fondo.

Non son os temas centrais pero apetecíame que estivesen. Que o protagonista viva en Barcelona permite falar deses aspectos. O turismo está expulsando as persoas dos centros das cidades, con fortes repercusións nas súas vidas. Doutra banda, esa nova emigración bota as persoas mozas que non atopamos como desenvolvernos profesionalmente na Galiza, xerando unha corrente migratoria diferente á tradicional. As novas xeracións fórmanse no país, mais logo voltan a verse obrigadas a marchar.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Gonzalo Hermo: "De non ter atopado un marco espacial e temporal, seguiría sendo só poeta"
comentarios