Laxeiro en primeira persoa

Autorretrato 1977 Autorretrato de Laxeiro datado de 1977. Imaxe: Fundación Laxeiro.
Mostra en Vigo de todos os autorretratos

A investigación sobre o propio rostro é unha das modalidades máis intensas da pintura, tamén da moderna. Xosé Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996) dedicouse a ela ao longo de toda a vida. Son eu. Dezaioto autorretratos de Laxeiro é a exposición que, desde esta sexta feira e até o 17 de maio na fundación ao seu nome situada en Vigo, percorre a súa práctica no xénero.


"Por primeira vez reúnense nunha exposición a totalidade dos autorretratos de Laxeiro coñecidos até a data", sinala a fundación na nota de presentación da mostra, que comisaría o ensaísta e crítico de Sermos Galiza Carlos L. Bernárdez (Vigo, 1958). Pintadas en técnicas diversas, os 18 cadros ilustran a evolución do artista e "a interpretación da propia imaxe". "Compoñen un percorrido excepcional da evolución plástica do artista, mais tamén da evolución do xénero do retrato ao longo do século pasado", engade o texto.


Laxeiro fixo parte do grupo dos Novos durante os anos da República canda artistas como Colmeiro, Luís Seoane ou Carlos Maside. A esa etapa pertence a reprodución -o orixinal está desparecido- dun autorretrato a tinta publicado en El Pueblo Gallego ou o de 1945-1935, en óleo sobre cartón e integrado no seu período granítico. "Neste pódense apreciar todas as características do Movemento Renovador da Arte Galega e mais a súa sintonía coas vangardas internacionais como a Nova Obxectividade ou o Retorno á Orde", afirma a fundación.


A colección permanente da institución acolle cinco destes 18 traballos. Outros proceden de coleccións privadas. O conxunto da mostra facilita a comprensión de como vai mudando "o problema da autorrepresentación" en Laxeiro, desde "unha fase testemuñal e mesmo de aprendizaxe até un estadio de conflitividade entre a pintura e a súa función representativa e o seu achegamento ao informalismo".