Laura Camino: "O Museo virtual de Rosalía é accesíbel e mostra como se reconfigurou a imaxe da escritora"
O Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro é resultado do proxecto de catalogación, estudo e dixitalización da iconografía rosaliana que desenvolveu Laura Camino Plaza cunha bolsa de investigación en humanidades da Deputación da Coruña e que se pode visitar na páxina web da Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
—Como xurdiu a idea de crear un museo virtual da iconografía de Rosalía de Castro?
Teño a sorte de que participei en varios proxectos financiados polo Ministerio relacionados con Rosalía de Castro, como unha análise xeoespacial da súa obra ou un proxecto sobre estratexias de consumo institucional do pasado literario, dirixido por María do Cebreiro, directora da Cátedra Rosalía da USC. Son campos sobre os que vale a pena traballar porque aínda que semella que unha figura como a de Rosalía de Castro está xa moi estudada desde diferentes ópticas, é unha autora totalmente infinita. É un bo exemplo de como se pode reconfigurar unha imaxe unha e outra vez no espazo público, incluso no merchandising.
—Como foi o proceso reunir e dixitalizar un conxunto tan amplo de imaxes e representacións de Rosalía?
Hai imaxes, neste caso en relación con Rosalía que son moi canónicas, polo que é necesario tomar moita información sobre elas. Ademais, dependendo da antigüidade, temos a sorte de que moitas imaxes son de dominio público, polo que é doado acceder, así como á bibliografía.
Houbo que facer moito traballo de arquivo cos museos e agradezo moito á xente que me axudou, por exemplo a Erea, do Museo de Provincial Pontevedra.
—Por que se decantou por compor un museo virtual en vez de facer unha exposición de maneira tradicional?
Porque ao ser unha mostra virtual pódese aumentar a información e engadir novo contido en calquera momento. Ademais é unha maneira combinar o ser accesíbel para todo o mundo xunto coa posibilidade de expresar como se reconfigurou a imaxe de Rosalía de Castro. É un formato no que se poden engadir moitos hipervínculos para incluír información, libros, ou ensaios, expandíndose fóra dos límites do museo.
—Como investigadora en estudos de literatura, xénero e cultura, que papel cre que desempeña Rosalía de Castro no panorama actual das humanidades?
É unha figura moi coñecida é á vez moi descoñecida. O seu papel é fundamental porque chega a ser unha icona en moitos sentidos e move moitos sentimentos. Ese punto de misterio que ten como figura entre dous mundos, entre a vida e a morte, entre un culto e o discípulo, é moi interesante. Foi moi avanzada na súa época, estaba na elite cultural e a xente segue sentíndose atraída polas súas obras. Segue sendo unha muller fundamental para sociedade non só galega, senón do Estado e da literatura universal. E vai dar moitas alegrías aínda ao traballar a súa figura nas próximas décadas.
—Que lle gustaría que levase o público consigo despois de visitar este museo virtual sobre Rosalía?
Gustaríame moito que se aprendese algo e que naza a curiosidade. Saber preguntarnos que simbolismo hai debaixo dunha imaxe ou dun retrato de Rosalía e ser un pouco máis conscientes da verdadeira importancia que tivo, ten e terá para a nosa sociedade. Que a xente teña ganas non só de crear máis Rosalías, que moitas artistas inspíranse nela, senón de achegarse máis a ela para coñecela mellor.