Javi Maneiro di adeus a Heredeiros da Crus: "A súa personalidade deixa unha pegada profunda na banda"
Heredeiros da Crus vén de anunciar a través dun comunicado oficial nas rúas redes sociais a marcha de Javi Maneiro. "Queremos comunicarvos unha noticia de gran relevancia para a historia da nosa banda", comeza o aviso.
"Javi Maneiro decidiu poñer fin á súa etapa en Heredeiros da Crus. O seu talento, a súa enerxía e a súa personalidade deixan unha pegada profunda na banda, nos escenarios e, por suposto, en cada unha das persoas que formamos parte deste proxecto". A banda, que leva máis de tres décadas percorrendo os escenarios, agradece "sinceramente" todo o camiño percorrido "e desexámoslle o mellor nesta nova etapa que agora inicia".
Cancelacións
O adeus de Maneiro deixa o futuro do grupo de rock no aire. "Como podedes imaxinar, a banda atópase nun momento de profunda conmoción e, polo de agora, non podemos ofrecer máis información sobre o noso futuro, que está aínda por definir".
No máis inmediato, a banda cancela as actuacións previstas no Inverfest (31 de xaneiro) e no Exporock (14 de marzo), "do mesmo xeito que se suspenden todas as negociacións en marcha para o ano 2026". "Lamentamos as posibles molestias ocasionadas tanto ás organizacións como ás persoas que tiñan previsto acompañarnos nestas datas, e agradecemos sinceramente a súa comprensión", conclúe o comunicado.