QUE FACER?

O IX certame musical Narf en Compostela, pórtico da finde

Narf

SANTIAGO DE COMPOSTELA. Sala Malatesta. IX CERTAME MUSICAL FRAN PÉREZ NARF. 19.30 h. Esta sexta feira.

Os finalistas do certame son IGMIG, Cintaadhesiva, @Pardo, Samarúas, Mounqup, e como grupo invitado tocará A banda da Loba. 

 

VIGO. MARCO. ÁNXEL HUETE. UNHA VISIÓN CRÍTICA. Toda a fin de semana.

 

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, acolle nas súas salas a primeira presentación que fai un museo da traxectoria de Ánxel Huete (Ourense, 1944), artista indispensábel para comprender a produción artística en Galiza nas últimas décadas. Na exposición proponse un percorrido polos momentos e lugares que caracterizan cinco décadas de produción artística. 

 

SAN SADURNIÑO. Casa do Concello. RECITAL DE POESÍA EN FEMENINO. Sábado (18.30 h).

A Nova Poesía Guitirica achegarase até San Sadurniño para participar no recital de poesía que ten como finalidade visibilizar a creatividade literaria feminina. Ao evento asistirán Xelo Teijido, Mar Beres, Pas Veres e Antón de Guizán, así como María Xosé Lamas e Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe e Silvia Pardo. O acto vaino fechar a cantautora Sandra Tenreiro, a interpretar un repertorio baseado no seu último traballo InfuSons.  

 

FENE. Paseo Marítimo de San Valentín. XV FENEROCK. Toda a finde.

Fenerock festexa o seu XV aniversario coa actuación de Riff, Raff, Maneda, The Bollocks, Manlditos Pendejos e o final de xira dos Heredeiros da Crus, entre outros. 

 

A POBRA DE BROLLÓN. Biblioteca municipal. OBRADOIRO DE IMPROVISACIÓN EN VERSO (REGUEIFA/BRINDO). Sábado. 17 h

Dirixido a todas aquelas persoas con inclinación á práctica do verso clásico rimado, da controversia dramatizada ao estilo clásico e con curiosidade por coñecer as tradicións. 

 

TAMEIGA MOS. CSDC As Pedriñas. II MIÚDO FEST. Sábado. 16.30 h

O Miúdo 2017 arranca con Brinca Vai no auditorio, Cé Orquesta Pantasma no espazo parque, Pakolas no espazo Muiño e Uxia Lambona e a banda molona no auditorio.

 

PONTEVEDRA. Biblioteca públifa Antonio Odriozol. AS EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALIZA: Até 20 de setembro.

Un percorrido pola cultura mariñeira galega que se fai a partir da exposición "Pequena guía de embarcacións tradicionais" cedida por Culturmar.