Caderno de Verán

Isabel Risco, actriz: "A situación fixo que se programe máis cultura nas festas"

Risco pensa que a crise do audiovisual xa vén de lonxe (Foto: AAAG)
A recoñecida artista prepara, xunto a Culturactiva, unha peza para reivindicar ás mulleres do país. Ademais, ten previsto seguir actuando con outros proxectos como Nabiza Girl ou Os nenos da varíola

Forma parte dun sector especialmente danado pola crise sanitaria, mais está tendo actuacións...
É un verán anómalo e o sector cultural é un dos principais ámbitos nos que está a repercutir. Non entendemos moi ben por que se toman medidas de restricións de espectáculos porque é onde máis garantida está a seguridade. Creo que hai unha especie de criminalización dos eventos culturais e do ocio nocturno. O masivo claro que supón un risco pero tamén incluíron bares ou locais pequenos que programaban actuacións. A miña tempada non arrancou até xa entrado o verán pero tiven algo de sorte coa axenda, aínda que non é o mesmo volume que outros anos. Estamos a entrar en concellos máis pequeniños. 

É positivo ese acceso a outras vilas?
Estamos a notar unha cousa que é de reivindicar: esta situación fixo que se programen contidos máis culturais e de pequeno formato, fuxindo un pouco da festa tan masiva na que todo está arredor das orquestras. Se quedase ese pouso aí e se esta dinámica de programar se fose incorporando sería estupendo.  

Moitas bandas din que é o verán do recoñecemento na casa. Coincide?
Creo que esta é a oportunidade de tomar conciencia e potenciar a parte positiva. Estamos facendo cousas interesantísimas; sen desestimar o que hai fóra, que tamén vale, pero tendo en conta que nós tamén valemos.

Verémola pronto na serie 'Mataría'.
Colaborei nun dos capítulos e é un formato moi agradábel. Hai xente nova que está agardando para poder facer cousas no eido do audiovisual ou da música e, igual, non se lle está a dar o recoñecemento que merece.

En que outros traballos audiovisual anda?
No último ano ou ano e pico non teño moito traballo no audiovisual pero é certo que está moi afectado. Somos unha potencia que non se está a aproveitar e non ten só que ver coa situación na que vivimos, senón que arrastramos unha crise máis ou menos provocada.

Que proxectos ten?
Á parte de seguir cos bolos con Nabiza Girl e Papar sen cancelas, recuperamos algún de Os nenos da varíola. Con Culturactiva imos reivindicar as mulleres do país.