A investigadora Diana Pelaz pon en valor a figura da raíña Urraca da Galiza
A Libraría Couceiro de Compostela acolleu esta terza feira a palestra 'Urraca de Galiza', organizada pola Agrupación Cultural O Galo, na que a profesora titular de Historia Medieval na Universidade de Santiago (USC) Diana Pelaz Flores aproximou as persoas asistentes "á figura de Urraca como raíña da Galiza, afondando nas súas relacións e nas circunstancias do seu reinado", explicou a Nós Diario. Aliás, salientou que "estamos ante a primeira raíña da escala occidental, o que ten un valor a ter en conta para contextualizar as dificultades ás que se enfrontou".
Urraca I foi filla de Afonso VI e da raíña Constanza de Borgoña e sobriña do rei García da Galiza. Urraca non era a candidata a herdar a coroa, xa que o seu irmán bastardo, Sancho, fora promovido por Afonso VI. Porén, a historia mudou repentinamente en 1093, momento no que o infante faleceu e que coincidiu con outros dous sucesos importantes: o pasamento da súa nai e o enlace matrimonial que a Urraca lle formalizan con Reimundo de Borgoña, nobre do franco-condado que chegara á Península tras a chamada militar efectuada por aquel que debía ser o seu sogro. Urraca e Reimundo casaron en 1093, tendo ela 12 anos de idade e el dez máis. Após quedar viúva, Urraca volveu contraer matrimonio, neste caso co aragonés Afonso 'O Batallador'; porén, o Papa rexeitou esta unión. Urraca reinou na Galiza entre 1107 e 1109, sendo condesa do país até a súa morte en marzo de 1126.
O reinado de Urraca da Galiza, tal e como destacou Pelaz, desenvolveuse nun momento de gran complexidade a nivel político. A situación do Reino de León na Península Ibérica tamén reviste unha gran singularidade por tratarse dun conglomerado señorial que integra reinos cunha tradición e identidade propias, como é a do Reino da Galiza, territorio especialmente vinculado con dona Urraca, mesmo antes de que aspirara a facerse co control do conxunto do territorio. Pelaz afirmou que Urraca tivo que facer fronte a "un momento moi convulso da historia, desde o punto de vista da fricción entre os diferentes representantes do poder, como a Igrexa, nunha cidade como Compostela, que estaba nun período de efervescencia e conflitos". Fronte a esta tensión, a raíña Urraca foi quen de desafiar grandes figuras dos seu tempo como o arcebispo de Santiago Diego Xelmírez. Precisamente a situación entre ambos foi unha das cuestións máis turbulentas do momento, no que se entrecruzaron os intereses que cada un deles representaba, quer a Coroa quer os intereses señoriais do arcebispo. Porén, Pelaz tamén sinalou que Urraca "ás veces viuse obrigada a actuar de 'árbitra' nun momento de xogo de poderes no que todo o mundo, tanto Xelmírez como a burguesía, querían participar na gobernación da cidade".
Pelaz aproveitou a ocasión para lembrar a importancia de iniciativas como esta da AC O Galo para "recuperar tanto personaxes que non son coñecidos pola sociedade galega como outras que si o son, como no caso de Urraca", considerándoo máis importante, se callar, "se se trata de mulleres", porque "hai interrogantes dentro da historia que imos investigando pouco a pouco, e en boa medida isto debese a que a historia política deixou de lado as mulleres, non só a Urraca, polo que temos que visibilizar a súa figura". Aliás, fixo fincapé en que "Urraca, dentro da historia da Galiza, tivo un peso fundamental e relevante".