'Os secuestradores de burros', en galego
O infinito amor de Gerald Durrel polo reino animal
18 de outubro de 2019 (20:35 h.)
O escritor inglés Gerald Durrell (1925-1995) viviu desde cativo entre animais. A tenra e divertida triloxía de Corfú, que comeza con A miña familia e outros animais (1956), certifícao: estas memorias de infancia na illa grega do mar Xónico están decisivamente atravesadas pola súa relación cos animais. A súa obra de ficción tamén e así o amosa a noveliña Os secuestradores de burros, agora en versión galega do tradutor Moisés Barcia.
A obra é orixinal de 1968 e supón o quinto título de Durrell publicado por Sushi. Ademais de A miña familia e outros animais en tradución de Susana Collazo, apareceron os outros dous títulos da célebre triloxía, Bechos e demais parentes (orixinal de 1969) e O xardín dos deuses (orixinal de 1978), e O paquete falante (1974), as tres da man de Moisés Barcia.
Gerald Durrell, o irmán máis novo do igualmente escritor Lawrence Durrell, foi autor de simpáticos textos autobiográficos, relatos dirixidos ao lectorado miúdo e ensaios sobre o mundo animal. Ademais foi un coñecido divulgador, e creador dun zoolóxico na illa de Jersey, no Canal da Mancha.