‘Os Incurábeis’: unha novela negra en ‘podcast’ que gorenta alén dos xéneros

Antonio Tizón
Adaptación radiofónica realizada por Antonio Tizón.

O podcast Os incurábeis é unha adaptación radiofónica realizada por Antonio Tizón a partir da súa novela con idéntico título publicada en outubro de 2020 por Xerais. É esta a terceira entrega dunha serie que ten como protagonista principal ao inspector Pereiro. Aborda o tema da enfermidade mental en clave de xénero negro. 

Tamén trata a corrupción política e moral, a impunidade do poder fronte ao crime, a degradación ambiental, a especulación urbanística e o bo momento que atravesa a gastronomía galega. Ademais de Os incurábeis (2020), pertencen a esta serie as novelas, xa publicadas, A antesala luminosa (2015) e Un home estraño (2018), e dúas obras máis aínda pendentes de publicación.

A trama desta terceira entrega desenvolvese no último trimestre de 2001 e no barrio coruñés dos Castros, onde aparece o cadáver dunha muller desangrada ao lado dun contetor do lixo e coa marca dos cairos na gorxa. O inspector Pereiro debe resolver este caso e outros similares que se repiten días despois no mesmo barrio da Coruña, nun tempo político e social que coincide coas secuelas do 11-S, o marco histórico da obra.  

 As novelas de Tizón son as únicas da literatura galega adaptadas ata agora ao formato podcast, un formato xa habitual noutros sistemas literarios pero aínda inédito en Galiza

Baixo a dirección de Eugenia Sanmartín, participaron na súa realización máis de 50 persoas. Antón Ramos foi o autor da banda sonora, e contou coas colaboracións especiais de Isabel Bravo, Cándido Barral, Leo Toral e outras autoridades nas súas materias respectivas, como poden ser os casos do psiquiatra Díaz Del Valle ou do músico Miro Casabella. Tamén axudaron o Cìrculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene e da Deputación da Coruña. 

O podcast, producido por Son Radiofusión, emítese por Radiofusión todos os días ás 9:00 horas e ás 21:00 horas, cunha sesión intensiva as sextas feiras ás 23 horas, que reproduce os cinco capítulos da semana. A obra iniciará no futuro un proceso de difusión, fóra de Galiza. Os promotores teñen iniciado contactos para a súa emisión en Brasil. Na actualidade escoitase en Radiofusión, Radio Fene, Radio Redondela, Radio Allariz, Radio Estrada, Radio Neria, Radio Roncudo, Radio Negreira, Radio Ordes e Radio Melide