"A ideoloxía de Manuel Antonio é a do independentismo nacionalista, do arredismo"
Xa está nas librarías Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais), a máis agardada biografía do rianxeiro, que chega da man do seu maior especialista, Xosé Luís Axeitos, o académico de Asados que leva media vida dedicada ao seu estudo. Publicamos un extracto da entrevista recollida no semanario Sermos Galiza.
No libro sácaslle importancia ás relacións de Manuel Antonio co mundo do anarquismo.
Eu non lle saco importancia. No ano 90 ou 91 falei da decepción do poeta co nacionalismo e falei da súa vinculación anarquista, entre outras persoas. El séntese moi decepcionado co nacionalismo por dúas razóns: primeiro, pola inactividade política á que os conduce a ditadura de Primo de Rivera no 23; e, en segundo lugar, pola cantidade de dúbidas e de xente que sendo das Irmandades, Losada Diéguez, e en Rianxo un grupo importantísimo de xente que el respectaba, nada menos que Cándido González e Arcos Moldes, e sendo os mentores del, acaban pasándose á Unión Patriótica. E logo, porque fai numerosas viaxes a Vigo, ten contacto con xente anarquista, como Moledo ou Marín, e iso lévao a escribir determinados textos nos que fala das carencias democráticas do Estado, mesmo das pistolas e da acción, pero son momentos nos que se sente atraído froito da decepción co nacionalismo.
Quen foron as persoas que tiveron máis influencia intelectual sobre el?
Eu penso que temos que diferenciar contextos e situacións. Hai unha primeira etapa desde que el, con 16-17 anos, quere ser poeta, e até o ano 22 el está totalmente inmerso e asolagado polo modernismo. El non fai máis que ler libros modernistas e pregoaba constantemente a estética modernista, porque en Con anacos do meu interior e mesmo unha parte de Foulas levan o carimbo do modernismo. Rubén Darío foi para el un auténtico deus. A partir de aí as súas lecturas diversifícanse enormemente. E conecta con todos os grandes renovadores da literatura universal: Poe, Baudelaire e Mallarmé… esa é a gran triloxía e a gran panca que o impulsa á renovación. E logo toda a literatura futurista, Huidobro, o surrealismo… Ese afán de procura de saber é o que caracteriza a actitude creativa e innovadora del.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 256 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]