Iago Valverde, recoñecido co accésit dos XXI Premios COAG de Arquitectura polas súas achegas mensuais ao 'Sermos Galiza'
O arquitecto e colaborador de 'Sermos Galiza' Iago Valverde foi recoñecido este sábado co accésit dos XXI Premios COAG Arquitectura que entrega o Colexio de Arquitectos da Galiza "pola claridade e coherencia no relato xornalístico da singularidade arquitectónica galega".
O xurado dos premios destaca "a construción ordenada" da súa narración, "alternando xeracións e temáticas que demostran e achegan ao público xeral o coñecemento da arquitectura galega das últimas décadas". E todo iso, engade, "sen banalizar o relato, pero tamén sen entrar en tecnicismos que afasten ao lector".
Todos os meses, Iago Valverde achega ao público lector do 'Sermos Galiza' o traballo arquitectónico que desenvolven na Galiza diferentes profesionais do sector. Cada estudio de arquitectura que visita ofrece un relato singular en materia de deseño, protección climática, habitabilidade, integración de diferentes materiais e texturas ou solucións sinxelas a problemas complexos, tanto nunha contorna rural como urbana.
O seu traballo xornalístico conquistou o xurado dos XXI Premios COAG Arquitectura que este ano premiaron unha vivenda en Carnota (comarca de Muros), a reforma dun edificio administrativo da Xunta da Galiza en San Caetano, a rehabilitación do Mosteiro de San Martín Pinario, en Compostela, e o plan básico municipal de Porqueira (A Limia) entre otros proxectos.
Vivenda e territorio
Nunha gala decorrida o pasado sábado en Compostela, o COAG tamén recoñeceu a título póstumo a traxectoria de Alberto Noguerol. No transcurso da ceremonia, o presidente do COAG, Luciano Alfaya, aproveitou o seu discurso para reivindicar a profesión como "esencial" na preocupación pola "problemática da vivenda" e pola "ordenación do territorio". Sobre este último, referiuse á implantación de Altri na comarca da Ulloa, contra a cal o Colexio de Arquitectos presentou alegacións.
A conselleira de Vivenda, María Martínez, destacou o papel "chave" dos arquitectos para alcanzar unha Galiza "máis acolledora, cohesionada e preparada para os desafíos do futuro". Tamén agradeceu a participación do COAG en proxectos conxuntos coa Xunta como o Observatorio da Vivenda, entre outros.
Pola súa parte, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, enxalzou o "impacto positivo que a arquitectura ten" na vida dos cidadáns, porque está "fortemente enraizada na identidade cultural e territorial", á vez que "soubo adaptarse aos desafíos do presente sen perder a súa esencia", por exemplo cunha cada vez maior incorporación de mulleres á profesión.