Iago Gordillo: "Pixel á Feira é o primeiro salón de Galiza dedicado en exclusiva a ao videoxogo"
—Como xorde a idea de crear Pixel á Feira e que pode atopar o público nela?
É unha proposta da Deputación da Coruña desde a área de Promoción Económica e Turismo. Estaban interesados en facer un evento sobre videoxogos e quixeron contar comigo para a organización, supoño que pola miña traxectoria co Recuncho Gamer. Tamén pola filosofía que temos no Recuncho respecto da normalización do uso do galego nos videoxogos, así como o noso enfoque á hora de tratar o videoxogo como un produto cultural, algo que é un dos piares básicos deste Píxel á Feira.
—Que significa para vostedes ser o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo?
Queremos tratar o videoxogo en exclusiva e, ademais, nas súas diferentes vertentes. Imos ter torneos e zonas interactivas para desfrutar da experiencia de xogar aos videoxogos, pero tamén abriremos espazos e encontros para a reflexión e para gozar do videoxogo desde outras artes, como poden ser os concertos ou os xogos de teatro e comedia.
Tamén contaremos con divulgadores contrastados para que falen da arte e a historia nos videoxogos, pondo o videoxogo ao mesmo nivel que outros produtos audiovisuais. Por outra parte, abriremos espazos de reflexión sobre o papel da arquitectura nos videoxogos ou o uso de videoxogos na educación e noutros ámbitos da sociedade.
—E que papel teñen os videoxogos galegos dentro da programación?
Na zona interactiva o principal peso vai ser o dos videoxogos feitos aquí. Ademais, moitos deles van estar dispoñíbeis en galego. Van ser máis de 25 postos de videoxogos galegos que se poderán probar de forma gratuíta.
A nivel Galiza, é un dos eventos máis potentes, senón o que máis, no sentido do número de xogos deste tipo que se poden probar, neste caso coa vantaxe de poder facelo de balde. Tamén vai ser recollida a parte do videoxogo galego na gala do I Certame de videoxogos en galego Deputación da Coruña, na que se premiarán xogos saídos no último ano en galego. Nesa gala, ademais de premiar algún deses videoxogos, tamén haberá unha escolma de presentación de videoxogos que sairán o ano que vén.
—A que público se dirixe a feira?
A intención é que sexa amplo, chegar a diferentes públicos. Tanto á xente nova como a aquelas persoas máis afeccionadas ao videoxogo clásico. Tamén agardamos que sexa un ambiente familiar, porque apelamos á xente que creceu cos videoxogos nos oitenta e nos noventa. Queremos que poidan acudir familias para gozar dos videoxogos nas súas múltiples extensións.
—Despois desta primeira edición, que impacto esperan que teña Pixel á Feira na cultura dixital galega?
Agardamos que teña o maior impacto posíbel. De primeiras podemos certificalo co número de postos que imos ter tanto de videoxogos galegos como de tendas de artesanía ou ilustración relacionadas co videoxogo.
Para un proxecto que está no seu primeiro ano, ter esta acollida é moi interesante. Agardamos que tamén o sexa para o público que decida acudir este 8 e 9 de novembro ao Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.